A Illa de San Simón acolle, a partir do vindeiro venres 23, a nova edición do Sinsal SON Estrella Galicia. Un cartel secreto, unha viaxe en barco, tres xornadas de música ao vivo e unha programación que destaca pola pluralidade estilística de bandas e artistas é a carta de presentación da nova edición de Sinsal, nomeada Esencial, en referencia ás características máis salientables do festival: sostibilidade, natureza, experiencia, música en directo, vangarda e unha contorna natural e patrimonial espectacular, como é o arquipélago de San Simón e San Antón, nas Rías Baixas.


 

O cartel secreto de Sinsal Esencial, que se celebrará do 23 ao 25 de xullo, está conformado por un total de 14 bandas e artistas de Galicia, España, Portugal e EEUU. Del, destaca a alta porcentaxe de grupos liderados por mulleres ou con integrantes femininas na súa totalidade. É o caso de 9 das bandas do cartel. Neste sentido, a programación de Sinsal SON Estrella Galicia segue a liña de anteriores edicións do festival, nas que a dirección de Sinsalaudio promove na súa programación a aposta e reivindicación do papel da muller na industria da música, tanto sobre o escenario coma nos seus equipos de traballo.


 

Sinsal Esencial desenvolverase en horario de tarde ao longo de tres días e contará con dous escenarios insulares: FEST Galicia e SON Estrella Galicia. O primeiro deles acollerá, desde o inicio da tarde, directos de artistas galegos de creación contemporáne. De seguido, os concertos trasladaranse ao outro escenario no que, ademais de bandas galegas, tamén haberá ocasión para descubrir grupos procedentes doutros puntos da península ibérica ou mesmo dos Estados Unidos. Cada xornada pecharase con actuacións de DJs galegos, de novo, no escenario FEST Galicia, acompañando así ao público na súa partida.


 

Mais este ano Sinsal SON Estrella Galicia introduce unha novidade especial: a posibilidade de gozar do festival a través dun escenario virtual. Esta proposta innovadora, realizada da man do equipo de Liveforevr, rompe os códigos tradicionais de gravación e emisión de contidos musicais. Durante os días do festival, o equipo realizará un Art in Residence na illa coas últimas tecnoloxías de vídeo e audio inmersivos, e coa colaboración dunha das artistas participantes no festival, esta experiencia inmersiva retransmitirase o sábado 24 de xullo, a partir das 00.00 horas, a través do Twitch e do Instagram de Liveforevr.


 

Ademais desta sesión, Liveforever empregará múltiples técnicas de produción virtual como vídeo 3D, 360º, 180º ou escáner volumétrico coa intención de converter a illa de San Simón, durante o Sinsal Esencial, nun laboratorio de Mixed Reality único no mundo. Xunto á sesión  audiovisual inmersiva, realizaranse gravacións dos concertos combinando enxeñería e produción cinematográfica para crear unha experiencia multimedia.