No acto de apertura da xornada participaron Julio Gómez, codirector do festival, Ana Mejías, respondable de novas tecnoloxías e desenvolvemento empresarial na Deputación de Pontevedra, e Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia.

 

Na apertura da xornada, o codirector do Festival Sinsal Litoral SON Estrella Galicia, Julio Gómez, explicou a pertinencia da mesma nun contexto no que a pandemia fíxonos reflexionar sobre a nosa atitude cara o medioambiente e os recursos naturais. Na mesma liña, a deputada provincial Ana Mejías fixo seu aquilo de “pensa global, actúa local” para considerar a crise da COVID19 como un toque de atención cara o comportamento humano respecto da nosa contorna. O director xeral  de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, sublinou que o ámbito cultural ten que dar exemplo de respecto pola contorna igual que outros sectores e lembrou o papel pioneiro do Festival Sinsal en temas de sostibilidade, marcando a senda para outros eventos en toda a península. 

A Fundación Paideia Galiza, con sede central na Coruña pero tamén con delegación en Padrón, centrada no seu traballo en discapacidades, formación, igual ou emprego, organizaba a sesión da mañá presentando o proxecto europeo Circular Labs. Sandra Blanco expliou que as “patas” do proxecto que están a desenvolver son tres: formación, ferramentas de autoavaliación para que as empresas podan diagnosticar en que punto están da “circularidade” e laboratorios nos que poñer en marcha procesos que redunden no mellor aproveitamento de recursos. A Fundación Paideia convidou a consultora Ana Rodríguez Vázquez a explicar en que consiste a economía circular e ilustrar como o confinamento, coa redución de emisións de CO2, pon en evidencia o modelo de economía lineal. 

“O primeiro que debemos de entender é que todo o que nos rodea ven dun xeito ou outro da natureza e que nos próximos anos imos multiplicar por catro a demanda de materiais. Necesitamos un cambio de paradigma e vainos axudar aprender da natureza. Precisamos cambiar o temporal por permanente, convertir os residuos en recursos e os produtos en servizos. Candos de nós temos un taladro na casa que usamos unha vez na nosa vida? Canto tempo pasa o noso coche aparcado sen moverse? Todo iso debe facernos reflexionar se é necesario fabricar tanto ou, pola contra, facer do produto un servizo que chegue a máis xente”, explica Ana Rodríguez. A consultora e experta en procesos circulares rematou a súa intervención facendo fincapé no deseño de produto e a súa importancia no aproveitamento de recursos. “Economía circular non é reciclar, senón deseñar produtos para que sexan rexenerativos”, conclúe. 

Da man de Paideia, tamén participaron en A Senda Circular empresas como Agroamb, do sector agrícola, Oui Jane!, marca textil que se apoia na produción en talleres de mulleres en risco de exclusión, e Revertia, empresa que se centra ra recuperación de dispositivos eléctricos e electrónicos. “O pasado batimos o triste record mundial de 53 millóns de toneladas neste tipo de residuo, que crece tres veces máis rápido que o residuo urbano e que é altamente contaminante”, expón Alejo Calatayud, de Revertia. 

O deseño, clave na circularidade 

O deseño dos produtos  como clave para conseguir un modelo máis sostible centrou  a sesión da tarde baixo o título “Creando circularidade”, cunha mesa na que participaron Clúster de Saúde de Galicia, entidade de dinamización do sector sanitario, e ECOBAS, agrupación estratéxica formada por grupos de investigación no campo da economía e da empresa. Na xornada expuxeron os obxectivos do convenio de colaboración entre o Cluster Saúde de Galicia (CSG), a Agrupación Estratéxica ECOBAS e o Centro Singular CINBIO, estes últimos pertencentes á Universidade de Vigo, para promover a posta en marcha de proxectos e actividades conxuntas relacionadas co ámbito sanitario e socio-sanitario, coma proxectos de investigación, organización de actividades académicas, apoio a investigadores/as e estudantes, entre outros. O deseñador Isaac Piñeiro fixo un percorrido pola historia recente do deseño extraendo exemplos de procesos e iniciativas pioneiras en canto a modelos circulares, ben porque aproveitaban recursos ben porque alongaban a vida útil do produto. 


A xornada péchase coa presentación dun proxecto que nos mostra os fondos submariños da ría de Vigo. Catro Ventos Editora, especializada en temas sociais e ambientais, levou á xornada A Senda Circular “Alén do Azul”, un libro, da autoría de Sara Carrasco e Silvia Iglesias, que é unha viaxe para coñecer as paisaxes submarinas e os seres que as habitan por medio de espectaculares fotografías, ilustracións ao detalle e mesmo vídeos ligados con códigos QR. 


Na xornada participaron máis de cincuenta persoas vinculadas a entidades como INORDE, Porto de Vigo, CSIC-Galicia ou Consorcio de Turismo da Coruña, empresas como KALEIDO LOGISTICS, Gadis, Jealsa, Bimba y Lola, Finsa ou Ecoener; tamén a Escola de Moda da Universidade de Vigo (ESDEMGA) e, xa no ámbito da cultura, representantes da Asociación de Profesionais da Xestión Cultural, da Asociación de Festivais de Galicia ou de Proxecta, a coordinadora de festivais de cinema. Ademais participación dos patrocinadores do festival a través do Xacobeo 2021 e Turismo Rías Baixas, presentes tamén na xornada.