Tanxugueiras, no concerto de Rodrigo Cuevas #SinsalLitoralSONEG
Olaia Maneiro, Sabela Maneiro e Aida Tarrío incrementaron as revolucións do folk galego nos últimos tempos conectando de maneira extraordinaria non só con todos os seguidores do xénero senón sumando novos públicos que ven no trío unha proposta contundente e fresca. Co seu disco de debut chegaron a máis de cen escenarios dentro e fóra das nosas fronteiras e obtiveron o recoñecemento dos Premios MIN da Música Independente ao Mellor Album Galego en 2018. Con “Contrapunto”, o seu segundo traballo, fan unha aposta sen corsés chea de virtuosismo e contundencia. Voces e pandeiretas para unha proposta que expande as posibilidades da música tradicional e a sitúa a base de forza e empoderamento nos mesmos escenarios que estilos como pop ou indie.
Na que é a súa primeira comparecencia ao vivo tras o confinamento neste concerto de Rodrigo Cuevas en Soutomaior, Tanxugueiras interpretarán "Perfidia" tema que forma parte do disco "Contrapunto". Tampouco descartan algunha sorpresa máis para o público. O concerto de Rodrigo Cuevas: Trópico de Covadonga co que se abre o Sinsal Litoral SON Estrella Galicia ten as entradas esgotadas desde o 8 de xullo, día que se puxeron á venda.