O obxectivo da xornada, que arrancará ás 11:00 do xoves 23 na Illa de San Simón, en Redondela, con máis de cincuenta participantes vinculados a empresas e entidades, é reflexionar sobre a oportunidade de converter os retos da Axenda 2030 en espazos de mellora e evolución que nos permitan adaptarnos mellor aos cambios que se aveciñan. A economía circular está chamada a acadar maior protagonismo por mor da COVID19 na estratexia das empresas. A Fundación Paideia Galiza organiza a sesión da mañá en San Simón. Nela presentan CIRCULAR LABS, un proxecto europeo no que participan e cuxo obxectivo é a promoción da economía circular na cultura emprendedora. Contarán á súa vez coa participación de REVERTIA, empresa galega que naceu aliñada coa economía circular e que aposta por considerar os residuos como recursos, devolvéndoos ao circuíto produtivo a través da súa reutilización ou reciclaxe, e coa divulgadora Ana Rodríguez Vázquez, consultora de Sostibilidade Estratéxica, Economía Circular e RSC. Ademais, a Fundación Paideia Galiza promove un espazo de debate e intercambio de experiencias dentro da xornada coa participación de Agroamb, empresa circular que xestiona residuos orgánicos do sector industrial e Oui Jane! emprendendo no sector textil desde a circularidade. 


CIRCULAR LABS é un proxecto que se propón integrar a economía circular en novos tipos de negocios, isto é, facilitando a emprendores e novas empresas recursos operativos baseados en economía circular, promovendo a formación e as competencias necesarias, e integrando a circularidade na cultura emprendedora, facendo fincapé na creatividade e nas novas ideas en toda a cadea de valor para que deriven en novos produtos e procesos.

 

Ámbito sanitario, mediombiente e cultura 


Tras unha visita guiada á Illa de San Simón da man da artista e investigadora Iria Vázquez arrancará a sesión da tarde co título “Creando circularidade”, a mesa de reflexión contará coa participación do Clúster de Saúde de Galicia, entidade de dinamización do sector sanitario, e de ECOBAS, agrupación estratéxica formada por grupos de investigación no campo da economía e da empresa. Na xornada expoñerán os obxectivos do convenio de colaboración entre o Cluster Saúde de Galicia (CSG), a Agrupación Estratéxica ECOBAS e o Centro Singular CINBIO, estes últimos pertencentes á Universidade de Vigo, para promover a posta en marcha de proxectos e actividades conxuntas relacionadas co ámbito sanitario e socio-sanitario, coma proxectos de investigación, organización de actividades académicas, apoio a investigadores/as e estudantes, entre outros.  


Ademais, en San Simón, o deseñador Isaac Piñeiro introducirá ideas sobre como emprender procesos de transformación e circularidade desde a arte e a cultura. Se a circularidade é unha pata básica para unha sociedade máis sostible, o aspecto medioambiental será recorrente en todos os debates. Por esa razón, a xornada péchase coa presentación dun proxecto que nos mostra os fondos submariños da ría de Vigo. Catro Ventos Editora, especializada en temas sociais e ambientais, trae á xornada A Senda Circular “Alén do Azul”, un libro, da autoría de Sara Carrasco e Silvia Iglesias, que é unha viaxe para coñecer as paisaxes submarinas e os seres que as habitan por medio de espectaculares fotografías, ilustracións ao detalle e mesmo vídeos ligados con códigos QR. 


Na xornada participan máis de cincuenta persoas vinculadas a entidades como INORDE, Porto de Vigo, CSIC-Galicia ou Consorcio de Turismo da Coruña, empresas como KALEIDO LOGISTICS, Gadis, Jealsa, Bimba y Lola, Finsa ou Ecoener; tamén a Escola de Moda da Universidade de Vigo (ESDEMGA) e, xa no ámbito da cultura, representantes da Asociación de Profesionais da Xestión Cultural, da Asociación de Festivais de Galicia ou de Proxecta, a coordinadora de festivais de cinema. Ademais participación dos patrocinadores do festival a través do Xacobeo 2021 e Turismo Rías Baixas, presentes tamén na xornada. 


Sinsal Litoral SON Estrella Galicia é o festival deseñado por Sinsalaudio para este ano 2020 e que se desenvolve do 22 ao 26 de xullo nas Rías Baixas. Ademais da xornada A Senda Circular, o festival inclúe no seu programa o concerto do asturiano Rodrigo Cuevas no castelo de Soutomaior (mércores 22 xullo); marisqueo en Cesantes, andaina, encontros de cinema e concerto de Laura LaMontagne & Pico Amperio en Meirande (venres 23), andaina portuaria e concerto de Los Hermanos Cubero en Astilleros Cardama, Vigo (sábado 25) e peche no mosteiro de Oia co grupo Trilitrate (domingo 26). 
 


 

PROGRAMA DA XORNADA A SENDA CIRCULAR

11:00 a 11:15h Presentación con representación institucional e patrocinadores

11:15 a 13:30h CIRCULARIDADE MOTOR DE CRECEMENTO Fundación PAIDEIA presenta o proxecto Circular LABS coa participación de Revertia e Ana Rodríguez Vázquez.

13:30 a 15:00h Comida e networking 

15:00 a 16:00h SENDA CIRCULAR 

16:00 a 18:00h CREANDO CIRCULARIDADE Con ECOBAS, Isaac Piñeiro e Clúster de Saúde de Galicia 

18:00 a 18:30h ALÉN DO AZUL. Con Sara Carrasco e Silvia Iglesias. Catro Ventos Editora.


 

Sinsal Litoral conta coa complicidade e apoio de SON Estrella Galicia, patrocinador principal do festival. Ademais, cos patrocinadores institucionais: Xacobeo 2021, Agadic, Deputación de Pontevedra, Turismo Rías Baixas e Concello de Redondela. Colaboran Fundación Paideia, Gadis, Chef Maestro, Cosferla. Participan no programa Amarturmar, Vigo Pesqueiro-Fundamar, Astilleros Cardama, Mosteiro de Oia.