Non navegaremos a San Simón en 2020; remaremos no Litoral
As razóns sanitarias son suficientes para non celebrar un evento como o de San Simón que si por algo se caracteriza, é pola sostibilidade, comodidade, seguridade e escala humana. Obviamente na decisión de non realizar a edición 2020 tamén pesan criterios e motivos que o noso público debe coñecer e que, en boa parte, son coincidentes cos que afectan a outros festivais compañeiros. Se ben a necesaria (e marabillosa) viaxe nos barcos desde Vigo e Meirande ao Sinsal SON Estrella Galicia dificulta de partida a celebración do mesmo, téñense en conta circunstancias como a obrigada redución de aforo dun festival xa de formato pequeno, a cancelación das xiras de artistas internacionais e unha previsible situación socio-económica do noso público, galego e de fóra, que trastoca as prioridades vitais.
O cartel secreto 2020 estaba practicamente pechado e o material de comunicación listo para saír cando se decretou o confinamento. Minyo Crusaders (Xapón), Suzzane Vega (EUA), Arlo Parks (UK), Baiuca Live (Galicia), Moon Duo (EUA), Rodrigo Cuevas (Asturias), Marina Satti (Grecia-Sudán), Biig Piig (UK), Mula (República Dominicana), Yin Yin (Países Baixos), Dakhabrakha (Ucraína) e varias bandas galegas pendentes de confirmación, na nosa proposta 2020 para San Simón. Moita ilusión por seguir avanzando nun proxecto recoñecido, respectuoso e sostible, que se vai facendo maior con vós. Un esforzo conxunto de anos cos patrocinadores, co público, cos proveedores e co noso equipo de traballo habitual; estamos convencidos de que é o mellor para todos.
Correspondendo a esa memoria que define á Illa de San Simón, queremos lembrar ás traballadoras e traballadores esenciais para a nosa supervivencia e ás vítimas desta crise, as que se foron, as que enfermaron e, tamén, aquelas que padecen as consecuencias económicas. Moitas delas, no sector cultural, que non só precisa do apoio e impulso da Administración e do sector privado senón dunha reflexión fonda sobre cal é o sentido e o futuro da nosa acción. Coa Axenda 2030 como guía de traballo, a nosa ollada na contorna e o noso esforzo en contribuir na reconstrución. Queremos remar na boa dirección, este ano polo Litoral, e queremos que esteades con nós, responsables, saudables e fortes. Moitas grazas por acompañarnos e comprendernos. Vémonos no Litoral.