Calendario Sinsal 2020: desexos e memoria
En 2020 tamén queremos agasallarvos cun calendario especial, que vos guíe polo novo ano, "facilitando" o tránsito a esta nova década. En 2019 celebramos a primavera con Tashi Wada, Julia Holter, Corey Fogel e Dorian Wood mergullándonos ademais nos misterios sonoros da cámara semianecoica da Universidade de Vigo; habitamos durante uns días inesquecibles, por décimo ano consecutivo a Illa de San Simón (Redondela) nas Rías Baixas co segredo de Sinsal SON Estrella Galicia e despedimos o verán no Museo do Mar de Galicia (Vigo) nun anoitecer de sal coas voces de Rocío Márquez, FAIA e Y La Bamba, entre outras; cando o ano entraba no seu tramo final aínda quixo agasallarnos co Premio Fest ao Festival máis Sostible en España polo proxecto en San Simón, un festival que inauguraba tamén década en 2010.
Achegámosvos o almanaque Sinsal 2020 con moitos desexos e expectativas, e unha montaña de curiosidade polo que nos deparan estes 366 días de 2020, a vós e a nós. As fotografías son de Olalla Lojo e o deseño do calendario de NUMAX. Que o gocedes, o ano e o calendario.