Escenarios salgados para Sinsal SON Estrella Galicia Museo do Mar 2019
“O Museo do Mar de Galicia é un espazo que a xente de Vigo ten que coñecer xa pero que ademais ten que captar público de fóra. Porque hai poucos espazos así en Galicia. En Sinsal realmente estamos nunha fase de exploración porque o recinto ten moitísimas posibilidades. Así o sábado 7 de setembro teremos 4 escenarios, 4 puntos de atención. Por exemplo, Rocío Márquez e Mary Lattimore estarán nun escenario exterior, no peirao do Faro coa cidade ao fondo; FAIA, que é unha das artistas máis interesantes de Galicia e que o seu canto vainos poñer a pel de galiña, fará unha performance na praia”, explicou Julio Gómez. A delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Corina Porro, reseñou “a capacidade de transmitir emoción dos proxectos Sinsal” e engadiu que o Museo do Mar reforzará e diversificar a súa oferta cultural fóra da temporada de verán.
Un cartel, o do sábado 7, protagonizado por grandes e singulares voces, practicamente todas mulleres, como Rocío Márquez, a raiña do flamenco na actualidade co seu disco “Visto en El Jueves”, e Y La Bamba, banda asentada en Portland que lidera a cantante e compositora Luz Elena Mendoza, de ascendencia mexicana. En 2016 o seu album Ojos del Sol integrou a listaxe dos cincuenta mellores traballaos do ano, segundo a emisora de radio pública estadounidense NPR; o seu último disco, o quinto, titúlase “Mujeres” e nel explora o que significa ser muller mexico-norteamericana. Historias de pasado e de futuro que, dalgún xeito, todos levamos dentro. Tamén enorme voz a de FAIA, integrante do exitoso grupo De Vacas, que en 2019 desenvolve o seu propio proxecto: Ao cabo leirín. Nel contou co apoio na gravación do Hevi, ou o que é o mesmo Malandrómeda, outro dos fenómenos musicais deste século en Galicia. FAIA explora os cantos tradicionais transmitidos pola voz das mulleres, é unha grandísima noticia para a música no noso país.
A harpista Mary Lattimore forma parte tamén do cartel do sábado 7 no Museo do Mar de Galicia. Formada na música clásica, ámbito no que a súa nai destacou co mesmo instrumento, en 2005 trasládase a Filadelfia, lugar no que explora as posibilidades do instrumento na música contemporánea e no indie rock. Colabora con artistas como Steve Gunn, Sharon van Etten, Kurt Vile, Arcade Fire ou Thurston Moore. Pola súa banda, o grupo Iko Cuyagua, formado en Madrid en 2012 con algúns dos membros de Cosmonauta. En 2019 é unha das bandas gañadoras do concurso de Estudios Mans (Fundación Paideia) e pasan a formar parte do cartel Sinsal no Museo do Mar de Galicia. En 2014 gañaran xa xunto a outras bandas o concurso Converse Make Noise e quedan tamén semifinalistas no Proyecto Demo de Radio 3.
A organización aínda se garda o nome dunha artista máis para a xornada do sábado 7, que arrancará ás 19:00 no Museo do Mar de Galicia en Alcabre. Ademais, o público poderá disfrutar do espectáculo da ESAD e o Conservatorio Superior de Música de Vigo: Escenas para unha viaxe submarina. Invitación ao mundo de Julio Verne. A batalla de Rande e os tesouros que agocha a Ría de Vigo serán desvelados neste paseo subacuático conducido pola tripulación do Nautilus, que nos leva a unha viaxe sensorial e ao concepto temporal que nos transmite o mundo baixo o mar. Para resaltar o mundo da Revolución Industrial que recrea Verne nas súas novelas, esta peza recorre á estética do steampunk, onde elementos mecánicos mestúranse co vestiario, creando un híbrido entre o humano e a máquina.
De Londres chega o hip hop de Lady Lykez. Desde que en 2012 se dera a coñecer nos festivais de Leeds e de Reading no escenario da BBC para artistas revelación, a británica afianzou o seu persoal estilo como rapeira, influído tamén pola súa relación coa percusión, cunha voz que abala entre a levitación e a turbulencia, que recolle o seu vínculo co grime e o dancehall, e que, ademais, revélaa como unha grande cantante.
Programación do domingo 8
O domingo 8 de setembro o festival desenvólvese a partir das 12:30 do mediodía, con entrada de balde e cos concertos de Mundo Prestigio e Deva, que acaba de formar parte do cartel do Sónar Barcelona. Un dos ses últimos lanzamentos, “Cupido”, con Recycled J, vai camiño do medio millón de reproducións en youtube. Unha sorte de "trap soul", como ela mesma apunta.
Entre as actividades familiares e visitas ao Museo do Mar programadas na xornada do domingo atopamos una laboratorio de sal, outro de fotografía experimental e a realización dun mural colectivo no museo. As actividades teñen aforo limitado e hai que inscribirse a través da páxina www.festival.sins.al. O festival contará con oferta gastronómica para o público asistente. As persoas que merquen entrada para sábado 7 terán acceso a unha prevenda especial para Sinsal SON Estrella Galicia 2020 en San Simón, Redondela.
Sinsal SON Estrella Galicia Museo do Mar está patrocinado por SON Estrella Galicia e conta co apoio da Xunta de Galicia e Museo do Mar de Galicia. Ademais conta coas colaboracións de Chef Maestro, Gadis, Cosferla, Petroni e Platú.