O Sinsal SON Estrella Galicia é, de feito, un dos 12 encontros adheridos á segunda temporada de FEST Galicia, a marca creada pola Administración autonómica para promover o territorio galego como destino musical baixo criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social. Precisamente, sobre estes piares aséntase desde os seus inicios o Sinsal, situado nunha contorna que pola súa historia, patrimonio e beleza obriga á organización a apostar pola construción dun evento sostible que se estende ao labor de todo o equipo e coincide plenamente cos valores que promove FEST Galicia.

FEST Galicia contará en San Simón cun espazo propio de difusión, renovado e versátil, que funciona como epicentro dunha serie de actividades e campañas de concienciación social e medioambiental impulsadas a través daConsellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Consellería de Política Social, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Consellería de Cultura e Turismo, que coordina todas as accións.

 

Igualdade
Sobre o ámbito da igualdade, FEST Galicia apoia tanto a programación musical planificada con perspectiva de xénero como a incorporación de mulleres nos equipos de traballo, reforzando o gran compromiso do festival neste sentido. As accións que desenvolverá a Secretaría Xeral da Igualdade durante o festival enmárcanse na campaña AgresiónOff: Eu digo non á violencia sexual. Trasladará á illa persoal formado neste ámbito para difundir o Decálogo contra a violencia sexual: dez cousas que tes que saber, e informar sobre como actuar en caso de agresións. Tamén se instalará un tótem coas mensaxes da campaña para que o público o use como referencia e reflexión. Ademais, o sábado 27, de 17,00 a 19,00 h., desenvolverase o obradoiro Non me deas a chapa, enfocado a un público familiar, no que as persoas participantes poderán realizar chapas con mensaxes personalizadas en materiais fluorescentes, e stickers relacionados coa prevención da violencia de xénero.

 

Outras accións
O espazo FEST Galicia tamén albergará o venres 26 un punto informativo de Medio Ambiente para sensibilizar sobre importancia de adoptar un comportamento ecoconsciente. Neste sentido, elaborouse un Manual de eventos sustentablesno que se reflicten medidas para ter en conta a Axenda 2030 e os seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, que o festival incorpora no seu Plan de Sostibilidade apostando por unha oferta gastronómica con produto ecolóxico e local, promovendo o transporte compartido, dándolle unha segunda oportunidade a materiais como lonas, pratos e vasos; e este ano, como novidade, impulsando unha campaña para recoller residuos electrónicos nos portos do festival. Ademais, en colaboración coas entidades xestoras da recollida de residuos, xestionarase o servizo de contedores para a separación de residuos durante o festival.

 

Tamén o venres de 19,00 a 21,00 h. o persoal da Rede Galega de Dinamización Xuvenil desenvolverá unha actividade lúdico-formativa para a mocidade e ofrecerá información sobre os diferentes programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. O uso da lingua é outro dos ámbitos nos que FEST Galicia segue a traballar nesta edición en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. O domingo 28, de 19,00 a 21,00 h., animarase á mocidade a que achegue as súas ideas sobre actuacións de dinamización do uso da lingua galega a través dun vídeo e do concurso Pasa a palabra, no que ademais de divertirse e de adiviñar verbas en galego, as persoas participantes poderán conseguir premios.