En Cesantes coa Deputación de Pontevedra e o concello de Redondela. Grazas!
Tal e como sinalou Carmela Silva, este ano a Deputación de Pontevedra, ao igual que no resto dos festivais, terá no “Sinsal SON Estrella Galicia” unha carpa propia de igualdade para previr o acoso e as agresións sexuais coa campaña “Eu decido, ti respectas”. De feito, esta mesma mañá, co obxectivo de amosar as novidades desta terceira edición e o plan de traballo, así como para presentar o balance da pasada edición da campaña neste festival, persoal da Deputación mantivo hoxe un encontro no Salón de Plenos do Concello de Redondela coa alcaldesa, Digna Rivas, representantes da corporación municipal, da Policía Local, da Corporación Nacional de Policía, a psicóloga e a avogada do CIM.
Deste xeito, a Deputación de Pontevedra instalará un punto de información, con cinco axentes de igualdade que entregarán os folletos dirixidos a mozas e a mozos con contidos diferenciados para mulleres e para homes e outros materiais promocionais que van complementar a campaña, adhesivos, sombreiros, tarxetas, pulseiras. Amais, en sintonía coa axenda sostible da institución provincial, tamén se instalará un stand informativo pertencente á campaña “Experiencias Sostibles”, que este ano está a concienciar na loita contra os plásticos e nos seus efectos no medio ambiente e na saúde das persoas. En concreto, a campaña de igualdade estará presente o día 28, e a campaña de sustentabilidade desenvolverase durante a xornada do 25 de xullo.