Todo o programa de actividades 2019 en San Simón. Participa!
No Festival Sinsal SON Estrella Galicia, menos o cartel, cóntase todo. Todos os días do festival, haberá propostas pensadas para todos os públicos e xa está aberta a inscrición nelas a través da plataforma eventbrite. As Sesións San Simón co británico Aleksander Kolkowski incorpóranse ao programa do festival, abertas ao público. Todas as actividades, idades orientativas, gratuítas ou con prezo, lugares, datas e horarios aquí.
Andainas Sinsal SON Estrella Galicia
Si, repetimos a experiencia do ano pasado, gustounos o resultado e o voso interese por coñecer máis de San Simón: a súa contorna e riqueza, a súa paisaxe, arte e arquitectura.
Recordo gravado: Son en cera con Aleksander Kolkowski. Sesións San Simón
Aleksander Kolkowski volve en 2019 a San Simón cos seus cilindros de cera. Novos rexistros sonoros con este compositor, violinista e promotor do arquivo Phonographies. Miradoiro e outros espazos.
Taller de creación de luminarias de origami
Neste taller temos como obxectivo crear unha luminaria semellante ás lanternas de papel flotantes coa peculiaridade de que serán realizadas utilizando técnicas de pregado origami e unha fonte de luz LED autónoma. Imparten Violeta Martínez e Alejandra Montemayor, que nos van introducir ao que é o origami, cun pouco de historia; mostraránnos diferentes tipos de papeis, pregados básicos e as fontes de luz, antes de construír os farois. Miradoiro.
Densidade variable. Laboratorio experimental de arquitecturas. Sistema Lupo
Nunha illa cun aforo limitado, nunha contorna definida, en pleno verán. O equipo de Sistema Lupo propón unha didáctica chea de xogo, introducindo a peques e familias nos conceptos de densidade variable. Os xogos de bloques e palitroques variarán de material e forma para obter estruturas eficientes. Se na pasada temporada rompíamos o límite e saíamos á auga nesta ocasión mantémonos dentro da contorna e encherémolo de xogo experimentando coa densidade. Nunha parte da illa de San Antón, cos xoguetes de construción para recrear estruturas, mestura de espírito racional e creativo, a metodoloxía inclúe partes guiadas e partes de xogo libre nunha contorna lúdica e ao tempo educativa.
Laboratorio fotográfico “Pegadas botánicas”. Arte y Garabato
Un rexistro botánico da illa a través da luz, onde coñecer e experimentar coas posibilidades creativas dun procedemento fotográfico do século XIX, nunha contorna natural única protexida pola súa beleza e valor patrimonial. Con esta proposta buscamos vincular a riqueza e o valor patrimonial, natural e histórico da illa cun proceso de creación artística. Para isto, comezaremos cunha pequena labor de campo onde coñeceremos algunhas das especies de árbores e prantas que atopamos na illa, seleccionaremos e recolleremos material, que nos servirá despois para elaborar un proxecto creativo individual. Unha vez no laboratorio, comeza a fase de exploración e experimentación a través das diferentes posibilidades creativas que nos ofrece esta técnica, utilizando diversos obxectos e elementos naturais. Finalizada a parte de deseño, utilizaremos os recursos naturais que nos ofrece a illa para continuar o proceso de impresión. Aproveitaremos a luz do sol, a agua e o tempo en boa compaña, para finalmente gozar coa maxia dos resultados obtidos.
Un bosque invertido. Acción con espellos. Arte y Garabato
Un espello basta para reinventar o mundo, o cotiá vira en máxico, camiñar deixa de ser unha actividade automática para vivir e explorar novas experiencias. Realizaremos unha acción colectiva para convidar os participantes a experimentar unha nova forma de percibir a illa a través dun espello. “O xogo do espello non é inocente, ao invalidar estereotipos preceptivos predispón á liberdade”.
Escola de kaiak
Actividade suxeita ás condicións climatolóxicas. Prezo: 3 euros
Cata de viño e conservas: 3 harmonías de terra e mar. Galicia.wine con Ponte da Boga e Real Conserveira Española
Galicia.wine con Adega Ponte da Boga e Real Conservera Española ofrécenos unha actividade na que imos a aprender moito de viños e conservas, ademais de gozar de tres harmonías entre estes produtos de mar e terra. Jorge Vila, de Galicia.wine, propón unha sesión na que contextualizar produtos cunha carga tan grande de historia, sabedoría e técnica como son os viños, por unha banda, e as conservas do mar, por outra. Coñecemento e deleite nunha sesión na que as persoas inscritas gozarán de tres viños da Adega Ponte da Boga (Castro Caldelas, Ribeira Sacra) e de tres tipos de conservas da fábrica de Cambados, Real Conservera Española. Prezo: 7 euros, no Miradoiro.