O Festival Sinsal SON Estrella Galicia despídese mañá de San Simón cunha ampla programación cultural singular, e que abrangue desde unha das bandas de apertura dos Rolling Stones até unha formación cualificada pola crítica especializada como “purificadora da alma”. Dez bandas e solistas procedentes de Austria, Arxentina, España, Marrocos, Reino Unido, Suecia e Uganda completarán a última grella de programación que queda por descubrir deste Sinsal, e que o público só coñecerá ao desembarcar este domingo 27, a partir das 12:00 horas, na illa. 

Na tercera e derradeira xornada desta edición, Sinsal ofrecerá catro estreas a nivel estatal e tres primicias en Galicia; ademais de actuacións de formacións locais que se sucederán desde que o público desembarque na illa e ata que, ao solpor, regrese aos portos de Vigo e Meirande. A cultura de club estará presente desde pola mañá pola presenza, nas Audicións Malmequeres, de dous nomes propios das ondas radiofónicas: Isabel Díaz e Pedro Blázquez. No escenario da praza de San Simón, o dúo coñecido ao seu paso por RNE ou Cadena SER recordará os comezos da chegada da música de baile en España na pioneira Radio Minuto de Barcelona. 

As actuacións da grella secreta previstas para os escenarios Sinsal SON Estrella Galicia, Buxos FEST Galicia, Santo Antón Rock’n’Roll e Malmequeres darán boa conta da rica escena que se está a xerar no marco da creación musical contemporánea. Desde a fusión da tradición andaluza coa electrónica até unha caixa de ritmos “vivinte” cunha imponente despregadura física, pasando por vocalistas excepcionais que se achegan ao idioma aviario desde a tradición oral; tanto formacións marroquís de música gnawa que proporán unha viaxe sonora polo deserto ou mesmo bandas de apertura de concertos dos Rolling Stones: a xornada deste domingo 27, que se completará con sons clásicos do pop independente ou que beben das reminiscencias do post punk, quedará para sempre no recordo das asistentes ao Sinsal. 

 

Programación paralela aos directos dos escenarios oficiais

Alén destas propostas, o público tamén poderá gozar coa actuación sorpresa dun grupo da tradición popular galega, ademais da interpretación que, baixo o título de Rumbantela, un cuarteto de saxofóns da Orquesta Clásica de Vigo ofrecerá con músicas das festas e verbenas do país de principios do século XX. Esta cita terá lugar na cafetería da illa, na que tamén se sucederán ao longo de todo o día as Sesións San Simón con Aleksander Kolkowski, as gravacións en cilindros fonográficos que rexistrarán as bandas participantes no festival. 

A illa de San Simón será un fervedoiro de propostas culturais ao longo de toda a xornada. Por unha banda, a ceo aberto, poderanse visitar tanto os 16 paneis que conforman a Exposición de cómic A Escola Sinsal: A historia da música gravada en Galicia coma as 7 estacións do roteiro independente Descubre San Simón para coñecer a memoria e patrimonio da illa. Pola outra, o público tamén poderá asistir a unha das visitas guiadas máis queridas: a que se realiza coas mulleres e homes da asociación do Mar de Cesantes, Amartumar. Con elas poderanse achegar non só á biodiversidade da enseada, senón coñecer os seus recursos industriais e como o cambio climático está a afectar o seu día a día. 

Para o público familiar haberá dúas propostas diferenciadas. A cafetería acollerá as últimas sesións do laboratorio creativo Caderno de bitácora, vinculado á paisaxe natural de San Simón, e o Espazo Gastronomía será a sede do taller de achegamento á produción musical Do, re, Bip, unha proposta ideada especificamente entre A Escola Sinsal e o artista multidisciplinar Juanma LoDo para as máis pequenas da casa, que poderán facer música con froita e verduriñas.

Finalmente, na tarde do domingo 27, celebrarase a terceira e última das demostracións d’A cociña Sinsal. A cociñeira de Gondomar Arián Lorenzo, propietaria de Arián Chef, ofrecerá un obradoiro de cociña vexetariana con produtos de mar que proporcionará a conserveira especializada en algas de producción ecolóxica Porto Muíños.