A Deputación de Pontevedra presentou este luns, 9 de xuño, os festivais patrocinados polo organismo provincial a través da marca Rías Baixas Fest . Seis eventos que funcionan como atractivos turísticos de primeira e dos que forma parte Sinsal xunto con Portamérica SonRías, Atlantic Fest, Revenidas e Underfest Xacobeo. 

“Os Rías Baixas Fest nos converten nunha referencia, nun destino vinculado á cultura, natureza, gastronomía e territorio”, afirmou o presidente do organismo provincial, Luis Pérez, no xardín dos Palacete das Mendoza, onde tivo lugar a presentación destes festivais, na que tamén participou a deputada de Turismo, Nava Castro.
 

Coa actuación musical do cociñeiro estrela Michelin Pepe Solla e Rodrigo Valiente déronse a coñecer os detalles dunha nova edición dos Rías Baixas Fest, que subirán o pano do 3 ao 5 de xullo coa celebración do Portamérica na Azucreira de Portas. No mesmo mes, do 18 ao 20 de xullo, celebrarase na praia da Concha de Vilagarcía o Atlantic Fest e, do 25 ao 27, o Sinsal SON Estrella Galicia na illa de San Simón. Do 31 de xullo ao 3 de agosto chegará ao recinto das Lagoas en Bueu o SonRías, mentres que do 11 ao 14 de setembro celebrarase en Vilaxoán o Revenidas. Pecharase o ano coa nova incorporación dos Rías Baixas Fest, o Underfest Xacobeo, que terá lugar os días 14 e 15 de novembro en distintos emprazamentos da cidade de Vigo.