Sinsal Primavera, a serie de concertos eclécticos organizados cada ano pola promotora Sinsalaudio da man do Concello de Vigo, inicia este martes, 15 de abril, a súa nova edición. Desta volta, serán tres directos singulares, liberados de prexuízos de xéneros e que ademais, suporán a estrea destes proxectos musicais en España. 

O responsable de inaugurar o ciclo este martes 15 de abril será o estadounidense Joseph Keckler, artista coñecido pola súa voz conmovedora e a súa prosa vívida, que chegará directamente a Vigo logo de actuar nun dos festivais máis especiais de Europa: o Tremor (Azores, Portugal). Sinalado polo diario The New York Times como “un talento extraordinario que rompe as barreiras convencionais”, Keckler sorprenderá ao público coa súa presenza magnética e o seu espírito provocativo que desafían calquera forma de expresión.   
 

A proposta musical de Joseph Keckler non atende a unha única categorización pola súa voz operística en constante metamorfose e a súa presenza magnética que atrapa durante o directo. As súas actuacións oscilan entre a comedia, o comentario e a comuñón. O estadounidense desprázase con sutileza entre baladas asombrosas, grooves inquietantes e arias ambiguamente autobiográficas nas que aborda cuestións da vida cotiá para afastarse e transformalas en absurdas e conmovedoras viaxes ao inframundo. 

Sinsal Primavera, promovido por Sinsalaudio -promotora do Festival Sinsal SON Estrella Galicia na Illa de San Simón- co apoio principal do consistorio vigués, pretende achegar cada ano ao público a música de bandas e solistas cuxa singular proposta artística non forma parte do circuíto habitual das salas de concertos. Con esta intención, e da man do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (sede habitual do evento) e da Sala Radar, Sinsal Primavera agroma cada ano coma unha rara avis no panorama galego, á fin de sorprender ás adeptas e aos adeptos a descubrir novos proxectos creativos. 

A seguinte cita será o mércores 30 de abril na Sala Radar co garage-punk e power pop da banda inglesa Chemtrails; e os belgas Bombataz porán o ramo o 3 de maio co seu jazz contemporáneo no mesmo recinto. As entradas para as citas do Sinsal Primavera están á venda na web de Sinsal a través da plataforma Enterticket, cun prezo especial para quen faga a compra anticipada; pois no despacho de billetes serán máis caras.