O Festival Sinsal SON Estrella Galicia 2024 reduce en máis dun 30% o volume do seus residuos
O festival Sinsal SON Estrella Galicia, celebrado a fin de semana pasada tanto no porto de Vigo coma no arquipélago conformado polas illas de San Simón e Santo Antón, pecha a súa edición máis sostible no ámbito ambiental. A posta en marcha neste 2024 da iniciativa de concienciación #sinsalsenrastro, na que a organización do evento apelou á responsabilidade compartida á hora de transformar o modelo de consumo actual implicando a público, empresas colaboradoras e patrocinadoras na xestión dos residuos, conseguiu reducir en máis dun 30% o volume de residuos xerados (máis de 200 kg.) e facer unha recollida selectiva exitosa separando correctamente as fraccións envases, papel e cartón, vidro e resto (residuos sólidos urbanos).
O evento, recoñecido como o máis sostible nos Premios FEST nos anos 2019 e 2023, e tamén considerado o pasado ano como un dos 10 proxectos culturais estatais máis comprometidos cos ODS pola Fundación Contemporánea a través do seu informe “Lo mejor de la cultura en España”, puxo o foco na edición de 2024 na necesidade de reducir e reutilizar, así como de garantir unha correcta recollida e xestión dos residuos, coa intención de que a práctica estivese vixente durante o festival e favorecer que, co seu coñecemento, se incorporase no día a día de todas as persoas vinculadas ao mesmo.
Para promocionar a difusión deste #sinsalsenrastro (que se suma ás iniciativas xa postas en marcha #sinsalsenplástico, #sinsalsenmaloshumos, #sinsalécircular ou #sinsalélocal), Sinsal contou cun Punto R, no que se ofreceu información sobre como separar correctamente os residuos e no que o público puido achegar os que se xeraron durante o evento (restos de comida, cartón de pizzas, etc). Ademais, para chamar a atención das e dos asistentes, a organización inutilizou todas as papeleiras da illa con materiais reutilizados (producidos en anos anteriores) e que, a modo de barreira, incluían una mensaxe disuasoria convidando ao público a visitar o Punto R. Neste novo espazo, situado nunha zona central e de paso, recolleuse tamén a vaixela reutilizable do evento e puxéronse, á disposición das e dos sinsaleiros, cabicheiros portátiles de cartón (xa que este ano se eliminaron os cinceiros comúns dos espazos habilitados para fumadores).
Por último, este ano Sinsal animou ás e aos asistentes a asistir co seu Kit festivaleiro (pratos, pano vaso e cubertos reutilizables), unha medida que contou con boa acollida, pois cómpre salientar que, neste 2024, practicamente non se produciron residuos de envases e que a meirande parte dos que recolleu a organización foron botellas de plástico e latas que o propio público levou á illa.