O Sinsal SON Estrella Galicia foi quen de manter un ano máis, en secreto, o misterio dos nomes do seu cartel, que o público só coñece ao desembarcar na illa. De novo, o evento organizado pola promotora viguesa Sinsalaudio achegou unha programación ateigada de propostas singulares, con bandas e solistas de diversas culturas, orixes -16 países- e múltiples estilos musicais, dando conta do máis interesante que está a vivir a escena musical contemporánea a nivel mundial. Entre as sorpresas desta edición, unha das máis chamativas foi a incorporación de Will Butler, ex membro de Arcade Fire, ao ‘line up’; e actuacións de figuras como a xaponesa Ichiko Aoba, o iraní Mohammad Reza Mortazavi, os murcianos Maestro Espada ou o keniata Kabeaushé foron moi celebradas polas asistentes. 


Nesta última edición, entre as citas de Vigo e San Simón, Sinsal 2024 contou con máis de 2.500 asistentes (800 persoas por día na illa -sen contar outro cento de persoas, entre equipo e artistas, que pasaron pola mesma-), dos cales un 38% proceden de fóra de Galicia, territorio que achegou a meirande parte do público, especialmente das cidades de Vigo, A Coruña e Santiago. 

A programación
 

Sinsal 2024, que contou co apoio institucional da Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas e da Xunta de Galicia a través de FEST Galicia, comezou o 25 de xullo coa apertura do Escenario Océano no Porto de Vigo. Unha visita pola terminal de Kaleido Logistics no peirao Transversal, unha conversa sobre patrimonio industrial e un concerto de Ombligo, celebrado nun auditorio efímero realizado con bloques de granito, daba pé a descubrir o que estaba por vir: un mar de culturas, influencias e estilos que sucarían as augas das Rías Baixas ao longo de tres xornadas. 

O venres 26 o público vigués desembarcou ao ritmo das sesións Malmequeres: rastrexando arquivos, a actividade paralela da Escola Sinsal coa que, da man de Phonotoner e dos seus casetes, o festival deu a coñecer tres coleccións sonoras cun importante valor simbólico. Se ben o primeiro día foi protagonista o arquivo de Isaac Pérez Vicente, nas seguintes ocasións tiveron o seu espazo o arquivo de A Trincheira (sábado 27) e a Fonoteca 92 de El Correo Gallego (domingo 28). 


O regreso dos vigueses Fantasmage abriu o escenario Buxos FEST Galicia, no que tamén participou unha das bandas máis relevantes da escena portuguesa do momento: Glockenwise. Pola súa banda, o escenario Santo Antón acollía a estrea en Galicia da danesa Clarissa Connelly, mentres que o escenario principal, o SON Estrella Galicia, daba a coñecer a onda tropicalista do brasileiro Sessa e o son indomable do colectivo suízo Orquestre Tout Puissant Marcel Duchamp. Por último, a enerxía sobre a pista de baile da compostelá Russ DJ (Russinha) fixo bailar ao público, sen parar, nas dúas sesións que ofreceu no escenario  Malmequeres. 

O cartel do sábado 27 agochaba numerosas sorpresas para o público sinsaleiro. Por unha banda, o escenario de Santo Antón programaba o directo do virtuoso percusionista Mohammad Reza Mortazavi, mais tamén da xaponesa Ichiko Aoba, que esgota entradas de todo canto recinto visita. Antes, Goat (JP), a banda de rock minimalista do tamén nipón Koshiro Hino, sorprendía no SON Estrella Galicia coa súa complexidade rítmica ao público do festival. Este palco tamén foi testemuña doutro dos grandes momentos deste 2024: o directo da banda británico-colombiana Mestizo.  

 

Mentres tanto, polo escenario Buxos FEST Galicia pasaron os vigueses Isius, o cabaret psicodélico dos incorrectos Unsafe Space Garden -a da banda portuguesa foi unha das actuacións máis aclamadas desta edición- e os cataláns Prisson Affair, antes de dar paso á nixeriana Aunty Rayzor, cuxo directo gozou dunha grande acollida, ao igual que as sesións de DJ Saya, a compostelá orixinaria de Palestina e residente en Porto que transitaron entre o arab club, os hard drums ou o ggom surafricano.


Finalmente, o domingo 28 daba conta dunha sorpresa notable para o público: o peche do escenario SON Estrella Galicia da man de Will Butler & Sisters Square. O exmembro de Arcade Fire ofreceu un directo memorable para presentar a súa nova banda e disco homónimo. Antes, por ese mesmo palco, pasaron os murcianos Maestro Espada (sen dúbida un dos concertos máis emocionantes desta edición e cuxa Sesión San Simón -gravación con cilindro fonográfico- contou con ducias de espectadoras) e a manchega Lapili, na que foi a súa estrea en Galicia do seu discurso empoderado, rebelde e contra o machismo, e co que fixo bailar sen parar ao público. 


A xornada arrancou cunha dobre proposta en paralelo. Por unha banda, a mestura do son ancestral da gaita e da vangarda electrónica da escocesa Brìghde Chaimbeul era protagonista de despedida do escenario Santo Antón. Pola outra, no Buxos FEST Galicia, a palestina Haya Zaatry ofrecía, en solitario, un directo vibrante no que o público non dubidou en proclamar “Free Palestine”. No mesmo palco, situado ao comezo da impresionante bóveda do Paseo dos Buxos, acolleu a continuación as citas coa portuguesa María Reis, co ugandés Afrorack e co keniata Kabeaushé, quen emerxeu como a sorpresa da xornada para ofrecer un directo excesivo, vitalista e contaxioso. O peche do domingo e desta edición, finalmente, veu da man do responsable da apertura da mesma no Malmequeres: o galego Phonotoner.