Este venres, 5 de abril, comeza o Sinsal Primavera 2024, o evento especializado en música de vangarda que a promotora viguesa Sinsalaudio, responsable do festival Sinsal SON Estrella Galicia, promove na súa cidade. A cita, que conta coa colaboración principal do Concello de Vigo, procura visualizar proxectos musicais de vangarda dunha ampla variedade estilística e que cuxa inclusión no circuíto habitual da programación das salas de concertos é infrecuente.


Deafkids será a responsable de abrir o Sinsal Primavera, precisamente, nunha das principais salas de música ao vivo da cidade viguesa: Radar. A banda brasileira, cuxo estilo transita entre o rock, a psicodelia, o noise, o hardcore punk, o heavy metal, o jazz espiritual ou mesmo a música africana -todos os xéneros son benvidos para o grupo-, é unha das propostas máis interesantes da escena da música experimental do seu país, especialmente pola procura incesante de novas sonoridades e da “desprogramación sónica da mente”. O proxecto creativo liderado por Douglas Leal, xurdido na localidade industrial de Volta Redonda (Rio de Janeiro), chegará por vez primeira a Galicia para amosar o seu xeito de entender a experimentación musical, da que dan boa conta no seu último traballo discográfico, Ritos do Colapso (2023). O álbum parte do clima distópico xerado pola pandemia da Covid-19 para ampliar o seu universo sonoro, intentando xerar unha sorte de banda sonora de escenarios imaxinarios sobre ese momento histórico. 

O concerto de Deafkids comezará ás 21.30 horas do venres 5, mais a apertura de portas terá lugar ás 21.00 horas. As entradas para o primeiro directo do Sinsal Primavera 2024 están á venda, desde 10 euros (máis gastos de xestión), na plataforma en liña www.enterticket.es


Sinsal Primavera continuará no MARCO

Logo do concerto de apertura na Sala Radar, Sinsal Primavera trasladará a súa actividade ao MARCO (Museo de Arte Contemporánea de Vigo). Alí continuará o 19 de abril coa actuación, en acústico, da estadounidense Kristin Hersh, unha das voces máis representativas da escena underground norteamericana e que se atopa de xira por Europa; mentres que o xoves 9 de maio será a quenda do saxofonista berlinés Julius Gabriel, músico que se mergulla nos límites e complexidades do instrumento desde a improvisación e as novas tecnoloxías.