O público esgota todas as entradas dispoñibles para Sinsal SON Estrella Galicia 2025

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia vén de pendurar o cartel de “entradas esgotadas” para a súa nova edición, que terá lugar do 25 ao 27 de xullo na illa de San Simón. O atractivo do evento, que reside tanto na calidade e singularidade da proposta musical agochada no seu cartel secreto (que o público só descubre ao desembarcar) como nunha extensa programación paralela para coñecer o patrimonio natural, cultural e histórico do arquipélago, fan que todos os anos os billetes do evento se vendan con antelación.
A nova edición de Sinsal na illa de San Simón contará con 21 concertos de bandas e artistas chegadas de catro continentes diferentes: 17 das actuacións serán estreas en Galicia e 12 en España. Ademais, o público poderá gozar cada xornada en escenarios alternativos de tres sesións de DJs (tanto das audicións Malmequeres como de dous dj set -que se poderán escoitar tanto ao principio como ao final de cada día-) e, tanto o sábado 26 coma o domingo 27, de tres pases diarios da Orquesta Clásica de Vigo.
En total, Sinsal SON Estrella Galicia contará con máis de 15 actividades paralelas, das cales xa se coñecen as enmarcadas n’A Escola Sinsal e na liña Descubre San Simón. Se ben o primeiro dos eixos propón divulgar e recuperar a memoria sonora do século XX a través das audicións Malmequeres, dos concertos da Clásica e das gravacións das Sesións San Simón con Aleks Kolkowski, ou mesmo da exposición de cómic sobre a historia do son e da música gravada en Galicia (que este ano se ampliará ata chegar a 16 personaxes e, como principal novidade, poderase visitar a ceo aberto), o segundo propón coñecer o patrimonio natural, cultural e histórico do arquipélago mediante visitas guiadas con Xosé L. Faílde e integrantes da asociación Amarturmar, cun roteiro independente ou co obradoiro creativo Caderno de bitácora impartido por Arte & Garabato. Ademais, nos vindeiros días daranse a coñecer as actividades vinculadas á gastronomía en colaboración con empresas de proximidade, propostas que se iniciaron na pasada edición e que gozaron de grande éxito entre as e os asistentes ao festival.