Sinsal SON Estrella Galicia reforza o seu compromiso coa sostibilidade e deixará de producir vasos de plástico reutilizables

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia, un dos eventos culturais sobranceiros a nivel estatal polo seu compromiso coa sostibilidade, afonda de novo nesta cuestión e anuncia que neste 2025 deixará de producir os vasos reutilizables coa identidade e programación diaria do festival, obxecto facilmente identificable para o público sinsaleiro.
A intención de Sinsalaudio, promotora do evento, non é outra de seguir avanzando con novos compromisos da liña #sinsalsenrastro, posta en marcha o pasado 2024, e que pretende poñer en práctica a todos os niveis, apelando a todas as persoas e entidades implicadas -da man do equipo, dos proveedores de proximidade e patrocinadores e, moi especialmente, do público e artistas- un novo modelo de xestión de residuos baseado na teoría das 3R: reducir, reutilizar, reciclar.
O ano pasado, Sinsal anunciou a implantación en San Simón do Punto R para a correcta xestión de residuos xerados desde o festival, ademais da eliminación das papeleiras da illa -promovendo así que cada persoa fose responsable dos seus residuos-; e tamén convidou ao público a facer uso do ‘KIT FESTIVALEIRO’, para que cada asistente levase ao festival a súa vaixela reutilizable -e que pode incluir o seu propio vaso no que poder beber auga potable das billas, un pano de mesa de tea, prato de picnic, garfo e culler de varios usos-.
Neste 2025, o festival dá un paso máis e anuncia que non volverá producir os seus míticos vasos coa identidade e a programación de cada xornada do festival -que, cómpre lembrar, é secreta ata que o público desembarca na illa de San Simón-, un obxecto que, para as e os habituais á cita cultural, é considerado un artículo de colección. Sinsalaudio dará a opción tanto de poder empregar os vasos reutilizables de anteriores edicións -previo depósito de 2 euros que, coma sempre que se queira, se poderá solicitar a súa devolución antes de abandonar a illa e regresar a Vigo ou Meirande-, coma de servir as bebidas -agás a cervexa Estrella Galicia- nos vasos reutilizables -tanto de Sinsal como doutros eventos- que as e os asistentes leven no seu KIT FESTIVALEIRO.
O festival, que forma parte do Pacto Cultura Sustentable, lembra que tanto a illa de San Simón coma a de Santo Antón dispoñen de distintos puntos nos que poder coller auga potable, que se poden consultar no mapa #sinsalsenrastro que está dispoñible na web do evento. Neste documento tamén se visualizan as catro zonas habilitadas para fumar (só en San Simón, nunca en Santo Antón) así como a localización do Punto R, no que as e os asistentes poden depositar os residuos que se xeren no marco da celebración do festival.
#sinsalsenrastro e o Punto R
A posta en marcha no ano 2024 da iniciativa de concienciación #sinsalsenrastro, na que a organización do festival apelou á responsabilidade compartida á hora de transformar o modelo de consumo actual implicando a público, empresas colaboradoras e patrocinadoras na xestión dos residuos, conseguiu reducir en máis dun 30% o volume de residuos xerados (máis de 200 kg.) durante a celebración do evento e permitiu facer unha recollida selectiva exitosa separando correctamente as fraccións envases, papel e cartón, vidro e resto (residuos sólidos urbanos).
De cara a dar a coñecer entre o público este #sinsalsenrastro, Sinsal conta durante o festival, desde o ano pasado, co citado Punto R, un espazo situado nunha zona central da illa de San Simón no que se ofrece información sobre como separar correctamente os residuos e na que o público podo achegar os que se xeren durante o evento (restos de comida, cartón de pizzas, etc); ademais de depositar a vaixela reutilizable do evento.