Para Sinsalaudio a sustentabilidade, tanto na sua organización como nas distintas actividades e eventos que promove e/ou produce, é unha prioridade. Se ademais falamos do Festival Sinsal Esencial SON Estrella Galicia que se celebra na illa de San Simón, e temos en conta  a contorna  e o seu patrimonio excepcional, a sustentabilidade é vital. 

Desde o ano 2018 elaboramos e publicamos a política de sustentabilidade dos nosos eventos e deseñamos unha estratexia específica para a posta en marcha desta política. É para nós, por tanto, unha boa nova saber que, este ano 2021, os festivais galegos avanzaremos xuntos neste obxectivo.
 

Este xoves 8, ás 11.00 horas no auditorio do Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do Pacto Cultura Sustentable, unha iniciativa da que Festival Sinsal SON Estrella Galicia é partícipe.

Desde o sector cultural galego queremos amosar o noso compromiso coa Axenda 2030 e facémolo a través da elaboración e a firma dunha política de sustentabilidade, que reforza dous conceptos: a necesidade de pensar en global e actuar dende o local e a importancia das alianzas para lograr os obxectivos.

Convidámosvos a coñecer este Pacto Cultura Sustentable e os compromisos que adquirimos 27 festivais de música, cinema e deporte de Galicia.