As entradas do festival Sinsal Esencial SON Estrella Galicia sairán á venda esta semana. A partir do 8 de xullo, o público poderá adquirir, a través da plataforma Enterticket, as súas entradas para o evento, que este verán regresa á illa de San Simón entre os días 23 e 25 de xullo. A venda de tickets activarase ás 12.00 horas. 

O cartel da edición, nomeada Sinsal Esencial, contará con máis dunha ducia de artistas que achegarán ao público asistente algunhas das creacións máis estimulantes do panorama sonoro actual. Ao longo de tres xornadas de música en directo, e no marco dunha contorna natural singular, San Simón será o escenario dun festival único que, cada edición, promove a difusión do patrimonio natural e histórico da illa, situada no corazón das Rías Baixas. 

As entradas para Sinsal Esencial sairán a venda o vindeiro xoves, 8 de xullo, e o público poderá adquirir os seus tickets para cada día en función do porto de saída e de regreso, xa que a entrada inclúe o transporte marítimo desde o litoral até a illa. Este ano, a organización do Sinsal SON Estrella Galicia ofrecerá a posibilidade de viaxar ata San Simón en barco desde dous puntos diferenciados: o porto de Vigo ou o embarcadoiro de Meirande, por 43 e 38 euros, respectivamente, máis gastos de xestión. 

O público que decida saír desde o litoral vigués terá a oportunidade de gozar dunha estancia de maior tempo na illa, unha circunstancia que se traducirá, á vez, na posibilidade de asistir a un concerto extra á primeira hora da tarde, no momento do desembarco. No caso daquelas persoas que decidan saír desde Meirande (Centro de Interpretación de Rande), asistirán aos concertos programados a partir das 18.00 horas e, polo tanto, será unha entrada máis económica que no caso do porto de Vigo. Ademais, tal e como é habitual na traxectoria do festival, todas as persoas menores de 16 anos (ou que teñan esa idade no momento da compra) poderán obter unha entrada de prezo reducido (20 euros máis gastos de xestión). No momento de acceso ao barco nos embarcadoiros, deberán achegar o documento de autorización para a asistencia dispoñible na páxina web de Sinsal.


Prazo prioritario de prevenda
O Festival Sinsal SON Estrella Galicia establecerá un período prioritario de venda de tickets para todas aquelas persoas que, no seu día, adquiriron entradas para o Sinsal Museo do Mar 2019. O compromiso de Sinsalaudio, daquela, foi ofrecer un prazo anticipado para poder conseguir as entradas para un evento que, ano tras ano, esgota as localidades existentes con antelación á súa celebración. Esta semana recibirán un correo electrónico con información sobre como acceder á venda prioritaria, que poderán utilizar entre as 12.00 e as 23.59 horas do 7 de xullo. Ao día seguinte, ás 12.00 horas, abrirase a venda ao público.


 

Sinsal Esencial SON Estrella Galicia
O festival Sinsal SON Estrella Galicia celébrase desde o ano 2010 na Illa de San Simón co obxectivo de achegar unha programación coidada de artistas emerxentes e contemporáneos da escena estatal e portuguesa á vez que pon en valor o patrimonio natural e histórico da Illa de San Simón, situada no corazón de Ría de Vigo. Ao longo da súa traxectoria, Sinsal acadou diversos recoñecementos nos Premios FEST e nos Iberian Festival Awards tanto pola súa programación como polo desenvolvemento da súa Estratexia de Sustentabilidade. 
 

Logo da pandemia por mor da covid-19 e unha edición no litoral das Rías Baixas, Sinsal regresa á Illa de San Simón nunha edición na que recupera a esencia da proposta: tres xornadas de música ao vivo, contacto coa natureza e a historia, e un cartel secreto encabezado pola propia illa atlántica.