Dous días. Historia. Transmisión. Mar. Ese é o leiv motiv da segunda edición do Sinsal no Museo do Mar de Galicia, espazo emblemático situado na parroquia viguesa de Alcabre, deseñado polo arquitecto italiano Aldo Rossi no solar dun antigo matadoiro na denominada Punta do Muíño e que mostra e dinamiza desde hai máis de quince anos unha chea de contidos ao redor da riqueza do mar. No cartel do sábado, Rocío Márquez, sinalada pola prensa como “a voz da nova xeración do cante jondo”, Rocío Márquez (Huelva, 1985) leva máis dunha década, desde que en 2008 gañara a “Lámpara Minera” do Festival Internacional del Cante de las Minas (La Unión, Murcia), quizais o festival de flamenco máis importante do mundo. A carreira de Rocío Márquez traspasa xa o panorama flamenco, no que é un claro referente e figura consolidada. Chega ao Museo do Mar de Galicia co seu traballo “Visto en El Jueves”.  

Un cartel, o do sábado, protagonizado por grandes e singulares voces como a de Y La Bamba, banda asentada en Portland que lidera a cantante e compositora Luz Elena Mendoza, de ascendencia mexicana. En 2016 o seu album Ojos del Sol integrou a listaxe dos cincuenta mellores traballos do ano, segundo a emisora de radio pública estadounidense NPR; o seu último disco, o quinto, titúlase “Mujeres” e nel explora o que significa ser muller mexico-norteamericana. Historias de pasado e de futuro que, dalgún xeito, todos levamos dentro. Tamén enorme voz a de FAIA, integrante do exitoso grupo De Vacas, que en 2019 desenvolve o seu propio proxecto: Ao cabo leirín. Nel contou co apoio na gravación do Hevi, ou o que é o mesmo Malandrómeda, outro dos fenómenos musicais deste século en Galicia. FAIA explora os cantos tradicionais transmitidos pola voz das mulleres, é unha grandísima noticia para a música no noso país.  

A harpista Mary Lattimore forma parte tamén do cartel do sábado 7 no Museo do Mar de Galicia. Formada na música clásica, ámbito no que a súa nai destacou co mesmo instrumento, en 2005 trasládase a Filadelfia, lugar no que explora as posibilidades do instrumento na música contemporánea e no indie rock. Colabora con artistas como Steve Gunn, Sharon van Etten, Kurt Vile, Arcade Fire ou Thurston Moore. Pola súa banda, o grupo Iko Cuyagua, formado en Madrid en 2012 con algúns dos membros de Cosmonauta. En 2019 é unha das bandas gañadoras do concurso de Estudios Mans (Fundación Paideia) e pasan a formar parte do cartel Sinsal no Museo do Mar de Galicia. En 2014 gañaran xa xunto a outras bandas o concurso Converse Make Noise e quedan tamén semifinalistas no Proyecto Demo de Radio 3. 

A organización aínda se garda o nome dunha artista máis para a xornada do sábado 7, que arrancará ás 19:00 no Museo do Mar de Galicia en Alcabre. Ademais, o público poderá disfrutar do espectáculo da ESAD e o Conservatorio Superior de Música de Vigo: Escenas para unha viaxe submarina. Invitación ao mundo de Julio Verne. A batalla de Rande e os tesouros que agocha a Ría de Vigo serán desvelados neste paseo subacuático conducido pola tripulación do Nautilus, que nos leva a unha viaxe sensorial e ao concepto temporal que nos transmite o mundo baixo o mar. Para resaltar o mundo da Revolución Industrial que recrea Verne nas súas novelas, esta peza recorre á estética do steampunk, onde elementos mecánicos mestúranse co vestiario, creando un híbrido entre o humano e a máquina. 

O domingo 8 de setembro o festival desenvólvese a partir das 12:30 do mediodía, con entrada de balde e coa xa confirmación do concerto de Deva, que acaba de formar parte do cartel do Sónar Barcelona.  Un dos seus últimos lanzamentos, “Cupido”, con Recycled J, vai camiño do medio millón de reproducións en youtube. Unha sorte de "trap soul", como ela mesma apunta. Actividades familiares e visitas ao Museo do Mar completarán a xornada do domingo. O festival contará con oferta gastronómica para o público asistente. As persoas que merquen entrada para sábado 7 terán acceso a unha prevenda especial para Sinsal SON Estrella Galicia 2020 en San Simón, Redondela.