Un dos escenarios que se estrearon na pasada edición, Malmequeres, regresará neste 2025 para ofrecer novas sesións dentro da programación d’A Escola Sinsal. A Praza de San Simón (detrás da igrexa) acollerá a cabina que recibirá visitas de DJs durante o festival, mais tamén das convidadas das audicións Malmequeres, que serán as encargadas de abrir, cada xornada (de 12:45 a 13:45 aprox.), as actividades do festival con mesturas que farán a partir de arquivos analóxicos esquecidos. 

Así, o venres 25, Chus Taboada e Eva Izquierdo (da banda punk rock Voces de Ultratumba) revisarán o seu arquivo dos anos oitenta. Ao día seguinte, o sábado 26, Marco Maril (Apenino) recuperará a súa etapa radiofónica dos anos 90 en Radio Medellín (Santiago de Compostela) e o proxecto editorial da desaparecida Sala Nasa ou o nomeado “rock parrulo”. Finalmente, o domingo 27 será a quenda de Isabel Díaz e Pedro Blázquez, dous xornalistas históricos da cultura de clubs e da música electrónica que contaron numerosos programas especializados en RNE ou Cadena SER.