O Festival Sinsal SON Estrella Galicia dá a coñecer as primeiras actividades paralelas á programación de directos do evento cultural. Trátase das actividades d'A Escola Sinsal, o proxecto de Sinsalaudio que promove a difusión e coñecemento da historia dos arquivos sonoros.

 

Unha das grandes novidades deste Sinsal 2025 será a participación, durante os tres días do festival, da Orquesta Clásica de Vigo. Se na pasada edición rendeu homenaxe a Reveriano Soutullo -coa estrea de arranxos inéditos de La leyenda del beso, da que o compositor ponteareas é coautor-, este ano a formación propón outra viaxe ao tempo, desta queda ao compás das músicas de cafés, bailes e verbenas que tiveron en lugar en Galicia na primeira metade do século XX. A intención non é outra que poñer en valor o papel das obras interpretadas por músicos locais, instrumentistas anónimos, que realizaban un traballo ben relevante antes da popularización da música gravada, como era levar os sons e os ritmos a todos os territorios. 

Na primeira das xornadas, a Orquesta Clásica de Vigo, a través dun sexteto de café, evocará desde a cafetería de San Simón un insólito filme galego de vangarda: Canto de emigración, unha peza rodada no 1935 polo ourensán Tony Román, da que unicamente se conversan vestixios que axudan a visualizar a película, e a partitura que o tudense Teódulo R. Páramos compuxo para acompañar as imaxes. 

 

Xa de cara ao sábado 26 e o domingo 27, a orquestra presentará Rumbantela. Unha formación dun cuarteto de saxofóns revisará estilos musicais que fixeron bailar as xeracións de galegas e galegos da primeira metáde do século pasado. Haberá pezas orixinais, grandes éxitos do momento, xoias preservadas dun arquivo persoal e tamén a memoria da banda de música de Sande (Ourense).