O Sinsal SON Estrella Galicia 2023 vén de ser escollido como finalista en tres das categorías dos Premios FEST. O xurado profesional deu a coñecer onte os seus votos, que sitúan como finalista o Sinsal nas ás areas de Innovación, Sostibilidade Ambiental, e Sostibilidade Social, tres áreas sobre as que, precisamente, pivotan os eixos de traballo do festival, que se celebra no verán na illa de San Simón. Deste ditame, despréndese que o Sinsal se sitúa como o festival galego con maior número de apoios profesionais nos Premios FEST 2023.
 

Nos últimos anos, o Sinsal obtivo dúas veces estes galardóns, que recoñecen os mellores festivais de España da tempada. O primeiro deles chegou no 2015, no que foi escollido como o Mellor festival de pequeno formato. Catro anos despois, gañou o Premio FEST 2019 ao Festival máis sostible.
 

Ao longo deste 2023, o Sinsal tamén acadou outro recoñecemento pola súa contribución á igualdade. Foi o pasado mes de marzo nos Iberian Festival Awards, os premios da industria de festivais en España e Portugal. O galardón recoñeceu a aposta do Sinsal por favorecer o achegamento a todos os sons, ideas e instrumentos do mundo; ademais de non repertir no seu cartel creadoras e creadoras, e potenciar o coñecemento de novos artistas -a meirande parte das bandas e solistas que actuaron este verán en San Simón fixéronno por vez primeira en Galicia ou España-. Alén disto, o compromiso de Sinsal coa igualdade vén referendado polo equilibrio da súa programación: un mínimo do 50% das artistas e do staff son mulleres, a presenza queer é relevante en cada edición e habitualmente teñen espazo todas as linguas da Península Ibérica, desde o galego até o catalán, portugués, euskera ou castelán.
 

Ademais, Sinsalaudio, a promotora viguesa que impulsa o Sinsal SON Estrella Galicia, cuxa última edición tivo lugar do 21 ao 23 de xullo en San Simón, obtivo outras dúas candidaturas (Sostibilidade Ambiental e Festival Boutique) a través do SON Estrella Galicia Posidonia, o festival celebrado este mes de outubro en Formentera e da que é responsable do seu comisariado, produción e coordinación. O evento balear, ao que asisten menos de 400 persoas en cada edición, é un festival que este ano loitará por acadar unha certificación Zero Waste grazas ao seu compromiso na redución e reciclaxe de residuos. 

Os Premios FEST entregaranse o vindeiro 25 de outubro, nunha gala que terá lugar en Bilbao no marco do BIME Live & PRO. Para máis información sobre estes galardóns, pódese visitar www.premiosfest.com