Unha xornada dedicada ao océano será o ramo do Sinsal SON Estrella Galicia 2023, que se traslada dunha illa declarada BIC a un espazo que tamén o é: o Mosteiro de Oia. O martes 29 de agosto, o recinto acollerá a presentación do novo Escenario Océano x FEST Galicia, espazo no que resoarán os ecos do vivido hai un mes na illa de San Simón.

 

Esta xornada de peche da edición de 2023, a modo de epílogo, incluirá un concerto de música clásica da man do ensemble As Donas e a posibilidade de participar en actividades paralelas de descubrimento e interacción co patrimonio histórico, cultural e natural, como son unha visita guiada ao propio mosteiro ou mesmo unha experiencia inmersiva 360º ao mundo submarino da ría de Vigo grazas á realidade virtual. As entradas para a xornada xa se poden adquirir, por 12 euros, na plataforma Enterticket.

 

Se no 2022 Sinsal pechou a súa edición no porto vigués, este ano Sinsalaudio quere dar un paso máis e presentar un novo espazo, o Escenario Océano x FEST Galicia, co que se tende pontes entre unha e outra edición do festival. O desenvolvemento da actividade do Sinsal SON Estrella Galicia nun edificio como é o Mosteiro de Oia -que, como todas as actividades culturais no mesmo, promove a Fundación Bretal- non é baladí: os dous emprazamentos, tanto a illa de San Simón coma o Mosteiro de Oia, comparten momentos históricos e están relacionados co centro ao que se dirixe o foco da actividade: o mar.

 

Programación Escenario Océano x FEST Galicia


O peche do Sinsal SON Estrella Galicia 2023 comezará o martes 29 ás 19.00 horas. A primeira parte da xornada será unha actividade divulgativa que o público poderá escoller á hora de mercar a entrada. Por unha banda, poderase realizar unha visita guiada ao propio Mosteiro de Oia, duns 45 minutos, nos que se farán tres paradas (Praza de armas, Claustro e Patio das Laranxeiras) e contará cun número limitado de prazas (75). 

Pola outra, o público poderá participar nunha experiencia inmersiva 360º, unha introdución ao mundo submarino da ría de Vigo dun xeito novidoso, accesible e minimamente intrusivo, grazas ás novas tecnoloxías. Esta segunda actividade desenvolverase en dous momentos. Dunha parte, estará a posibilidade de visualizar unha peza audiovisual que se proxectará dos fondos mariños da ría, na que se recollerá a súa riqueza e características. Da outra, haberá á disposicion do público lentes de realidade virtual Oculus Quest 2 para que se poidan somerxer en augas da ría viguesa a través de imaxes 360º -filmadas polo equipo da cooperativa dedicada á divulgación e conservación do medio mariño 13 GRADOS-. Serán experiencias individuais, de tres en tres persoas, que estarán acompañadas coa interpretación das imaxes que se están a ver. A realización desta experiencia será por orde de chegada e outorgarase un número ou quenda para participar da iniciativa.

 

O broche dourado será o Concerto Das Donas: A pegada feminina na historia da música, actuación que ofrecerá a agrupación conformada por Pilar Moráguez (soprano), Marta López (cravo), Elena Vázquez (violín barroco) e María José Pámpano (violín barroco e dirección artística). O ensemble presentará, a partir das 20:00 horas, un repertorio de música instrumental formado, de forma exclusiva, pola obra de destacadas compositoras do Renacemento e do Barroco. Así, na cita o público poderá descubrir obras de autoras como Francesca Caccini, Isabella Leonarda, Bárbara Stroozi ou Élisabeth Jacquet de La Guerre. Con este Concerto das Donas, Sinsal SON Estrella Galicia pecha a edición de 2023 poñendo en valor non só un rico patrimonio artístico, senón o papel das pioneiras na profesionalización da muller no eido da música.
 

As persoas interesadas en asistir ao epílogo do Sinsal SON Estrella Galicia 2023 poden adquirir os seus billetes para o Escenario Océano x Fest Galicia desde hoxe mesmo a través de Enterticket, espazo no que poderán seleccionar o tipo de actividade paralela que quererán facer. As entradas para menores de 16 anos serán a 6 euros e, polas características da iniciativa, o equipo de Sinsalaudio recomenda asistencia para nenas e nenos maiores de 11 anos.