Bandas de Angola, Corea do Sul, Marrocos, Portugal, Somalilandia e Reino Unido serán protagonistas na segunda xornada do Sinsal
A illa de San Simón recibirá mañá, no marco do Festival Sinsal SON Estrella Galicia, a visita de bandas e solistas chegadas de Angola, Corea do Sul, Marrocos, Portugal, Somalilandia e Reino Unido, mais tamén do país. Nesta segunda xornada do evento cultural, o público poderá gozar de catro primicias a nivel estatal, dúas das cales lideran activistas, e de tres debuts, doutros tantos proxectos, en territorio galego.
Entre os estilos que se poderán escoitar mañá na enseada de San Simón salientan, entre outros, o pop costumista, o afrobeat, o kraut rock e a electrónica. O público poderá gozar de ritmos urbanos, da experimentación na música tradicional con instrumentos de vento centenarios, de creadores de bandas sonoras premiadas a nivel internacional, da enerxía de figuras emerxentes da escena londinense ou mesmo das mesturas de ourives da pista de baile segundo as revistas europeas especializadas Resident Advisor ou Pitchfork.
A xornada comezará, como onte, xunto ao embarcadoiro: as e os asistentes procedentes s do porto de Vigo e Meirande contarán cun recibimento musical. Logo desta benvida sorpresa, o deseñador sonoro Marco ‘Apenino’ lembrará, nas Audicións Malmequeres, as sesións dos anos 90 na Radio Medellín de Santiago de Compostela. Tamén unha nova viaxe no tempo será o que ofreza a Orquesta Clásica de Vigo. Tanto este sábado 26 coma o domingo 27, un cuarteto de saxofóns porá en valor as músicas populares de principio do século XX en Galicia. As músicas de cafés, festas e verbenas que percorrían os pobos soarán polas tardes na Rumbantela, que terá lugar na cafetaría da illa, sede da liña de actividades paralelas A Escola Sinsal.
Ás habituais Sesións San Simón con Aleksander Kolkowski e ás asembleas creativas do laboratorio interxeracional Caderno de bitácora, únense desta quenda, e xa a ceo aberto, as visitas guiadas Paseo Illario Pantasma, realizadas da man do investigador Xosé Lois Faílde. Para quen prefira facer un roteiro independente, Sinsal convida a percorrer o itinerario Descubre San Simón ou mesmo visitar a Exposición de cómic A Escola Sinsal: A historia da música gravada en Galicia, que se narra, con trazos, a través das vidas de 16 persoeiros fundamentais na memoria sonora do país desde o século XVII.
Finalmente, na tarde deste sábado 26 de xullo, celebrarase a segunda das demostracións d’A cociña Sinsal, as actividades postas en marcha neste 2025 coa intención de poñer o foco na sostibilidade e economía circular. Xesús Mazaira, propietario de Airas Moniz, dará a coñecer os seus produtos nunha degustación que se acompañará do mel da Ribeira Sacra Puro Mel.