Información

Sinsal SON Estrella Galicia é, ante todo, un festival de música. Máis de vinte bandas e artistas durante tres días nos escenarios principais, con procedencias xeográficas e sonoras que percorren boa parte do planeta e que compoñen o cartel secreto do festival. 

Sinsal SON Estrella Galicia non é un festival indie, nin de músicas do mundo, nin de jazz. A fórmula artística do festival soa lóxica: ofrecer concertos para todos os gustos.
  • Tres xornadas de concertos

    Músicas de vangarda, de raíz, sonoridades modernas e propostas contemporáneas conforman a coidada e exquisita paisaxe sonora que ofrece Sinsal: un cartel diverso en estilos, con protagonismo de proxectos liderados por mulleres, bandas emerxentes e nomes que non tocaron aínda en directo na península estarán en San Simón do 22 ao 24 de xullo de 2022.

    O groso da programación componse de artistas que viran por outros festivais prestixiosos en España e Portugal: desde o jazz á world music, do rock á música electrónica, Sinsal SON Estrella Galicia é un festival sen complexos. Por esa razón propón ao público un cartel secreto, unha vivencia musical alén de nomes concretos.
  • Unha illa

    No corazón da Ría de Vigo atópase a illa de San Simón, un enclave fermoso e singular: foi fonte de inspiración na lírica medieval, lazareto no s. XIX e campo de concentración na guerra civil.

    A illa de San Simón é o escenario e cabeza dun cartel secreto até o desembarco. A saída desde o litoral (desde o porto de Vigo do embarcadoiro de Meirande, en Redondela) cara á illa é o punto de partida dunha viaxe ateigada de contemporaneidade, auga e vida.

    Se queres saber máis do arquipélago conformado polas illas de San Simón e Santo Antón, descarga estas lecturas.

  • Un cartel secreto

    Unha proposta secreta, comisariada por Sinsalaudio, que atende ás creacións máis estimulantes do momento e sorprende ao público con suxestivos directos: o cartel descúbrese ao desembarcar na illa de San Simón!

    Desde a primeira edición en 2003, o principal compromiso de Sinsal foi programar artistas que inician a súa carreira musical ou demostrasen unha gran conexión coa creación contemporánea. Algúns destes nomes, poucos anos despois, aterraron nos grandes festivais e salas de concertos de todo o mundo.

    Nos últimos anos pasaron pola illa Alt-J, Maika Makovski, Dan Deacon, Owen Pallet, Camila Moreno, Nakhane, Anna Meredith, Of Montreal, Malándromeda, El Guincho, Fantastic Negrito, María Arnal & Marcel Bagés, Bonnie Prince Billy, La Dame Blanche, Cosmo Sheldrake, Mercedes Peón, Lina & Raül Refree, Rodrigo Cuevas, Queralt Lahoz, Tarta Relena ou Rigoberta Bandini, entre outros artistas.
  • Actividades

    Ademais do programa de concertos que se desenvolverán os días 22, 23 e 24 de xullo en San Simón, Sinsal propón outras actividades ao público aproveitando a experiencia diurna nun espazo único.

    Este ano o festival incorpora unha innovadora actividade acuática de pedal surf, un obradoiro (para todas as idades) de reciclaxe con refugallos ou mesmo a posibilidade de gozar de microconcertos acústicos de agrupacións galegas de música clásica na illa de Santo Antón. Ao chegar a illa descubirás todas as actividades paralelas de Sinsal. Polo de agora podes coñecer algunhas aquí. 

    Alén destas actividades, o luns 25 de xullo terá lugar un concerto extra nos estaleiros vigueses Cardama Shipyard para festexar os 20 anos de Sinsal.