• Sobre a viaxe en barco
    • Cal é o horario de ida e volta dos barcos?

      O venres 23 e sábado 24, os barcos sairán de Vigo ás 16.00 horas e regresarán ás 22.30 horas. No caso de Meirande, as embarcacións sairán ás 17.10 e volverán ás 21.45 horas. O domingo 25 os horarios adiantaranse un par de horas. Así, en Vigo sairán ás 14.00 horas e regresarán ás 20.30 horas, mentres que en Meirande sairán ás 15.10 e regresarán ás 19.45 horas. Tamén podes consultar os horarios aquí
    • Canto dura a viaxe en barco?

      Desde Vigo algo máis de 50 minutos e desde Meirande (Redondela) ao redor de 25. IMPORTANTE: Estuda os horarios e escolle o porto que mellor se adapte ás túas necesidades, especialmente se vés con menores. A viaxe desde Meirande dura menos que dende Vigo!
    • Que pasa se perdo o barco que me leva á illa?

      A organización non se responsabiliza da perda do barco por parte do público. Lembra chegar con 30 minutos de antelación para garantir a túa viaxe!
    • Podo regresar antes do meu horario?

      Non, a viaxe en barco a San Simón ten un horario de entrada e saída que debe ser cumprido por problemas de capacidade no barco de pasaxeiros.
    • Podo abandonar a illa en caso de urxencia?

      O festival conta, só para casos de urxencia xustificada, cun barco á disposición do público. Calquera necesidade ao respeito será analizada pola organización. 
  • Sobre transporte
    • Cales son os portos de saída nesta edición?

      O único modo de chegar ao festival é nos barcos fletados pola propia organización. O prezo xa está incluido na entrada ao festival. Este ano contamos con dous puntos de embarque: a Estación Marítima de Vigo e o Centro de Interpretación de Rande (Meirande, Redondela). Escolle a mellor opción en función do teu lugar de orixe e dos teus medios de transporte. IMPORTANTE: para os teus desprazamentos en coche até os portos, ten en conta que no verán prodúcense atoamentos con frecuencia pola afluencia ás praias da zona.
    • Onde está o porto de saída de Vigo?

      A Estación Marítima de Vigo (Rúa Cánovas del Castillo, 3) atópase no centro da cidade. Non ten perda, de alí parten os barcos de transporte da ría.
    • Onde está o porto de saída de Meirande?

      O embarcadoiro de Meirande, situado no Centro de Intepretación de Rande (Redondela), está localizado no Estreito de Rande, antiga Fábrica do Alemán, a 10 quilómetros de Vigo. Este porto de saída está especialmente recomendado para todas aquelas persoas que vos despracedes en coche ao festival desde o norte de Vigo e Redondela, pois conta cunha ampla chaira (antiga compañía Duchess) para estacionar os vehículos. Podes seguir estas indicacións para chegar:
      • Pola AP9 desde Pontevedra:
       1) Cruzar a Ponte de Rande. 2) Tomar a saída 151 da AP9 (Teis-Chapela) dirección N-552. 3) Tomar a N-552 dirección Redondela. 4) Pasar a rotonda de Rande dirección Redondela pola N-552. 5) Desviarse á esquerda desde a N-552 cara o aparcadoiro (desvío sinalizado pola organización do festival).
      • Desde Vigo:
       1) Tomar a N-552 dirección Chapela-Redondela. 2) Pasar a rotonda de Rande dirección Redondela pola N-552. 3) Desviarse á esquerda desde a N-552 cara o aparcadoiro da chaira de Duchess (desvío sinalizado pola organización do festival).
      • Desde Redondela:
       1) Pasar Redondela e tomar a N-552 dirección Chapela-Vigo. 2) 500 metros antes da rotonda de Rande (Ponte de Rande), desviarse á dereita desde a N-552 cara o aparcadoiro (desvío sinalizado pola organización do festival).
    • Hai aparcadoiros nos arredores de Meirande?

      Si, a 200 metros do embarcadoiro, na superficie da chaira da antiga compañía Duchess. O percorrido desde o desvío na N-552 cara ao aparcadoiro estará sinalizado pola organización.
    • Como podo ir aos portos sen coche?

      Habilitamos dous portos de embarque: Vigo e Meirande (Redondela) para reducir o uso particular dos automóbiles xa que boa parte do público vai partir de Vigo. Non hai ningún transporte da organización do festival a Meirande.
  • Sobre o festival
    • Onde e como adquiro as entradas?

      Sinsal SON Estrella Galicia 2019 ofrece ao público a posibilidade de adquirir abonos de 2 días (venres + sábado, venres + domingo) e entradas diarias a través da plataforma eventbrite, con aforo limitado. Só as entradas adquiridas na plataforma serán válidas. No caso de non esgotar a venda anticipada, as entradas restantes poderán ser adquiridas nos portos de embarque. Na compra das entradas deben aceptarse as normas do festival. 
    • Podo cambiar a entrada?

      Unha vez adquirida a entrada non será cambiada e non se devolverá o importe. A adquisición da mesma é en firme agás nos casos de cancelación ou cambio de data do evento. As entradas non son nominativas e o posuidor da mesma é o que ten o dereito a acceder ao evento. Antes de decidir o barco e o horario nos que queredes saír para o Sinsal SON Estrella Galicia, pensádeo ben e lembrade que para a organización non é posible resituarvos noutro barco e horario que o que adquirirades.
    • Cantos concertos son programados no festival?

      Como xa saberás nesta altura, o cartel de festival é secreto e é desvelado ao chegarmos á illa. Para xoves 25 e venres 26 de xullo están previstos 4 concertos cada día; distintos en cada unha das xornada. Sábado 27 e domingo 28, o cartel repítese. 
    • Haberá comida e bebida en Sinsal SON Estrella Galicia? A que prezo? Haberá comida apta para veganos/vexetarianos?

      Haberá servizo e oferta de comida e bebida en Sinsal SON Estrella Galicia. Teremos varias opcións que iremos anunciando cos seus respectivos prezos, entre elas para vexetarianos e veganos e para persoas con intolerancia ao glute.
    • Podo levar a miña propia comida e bebida?

      En Sinsal SON Estrella Galicia, si está permitido levar comida e bebidas sen alcool.
      Moi importante: por razóns de seguridade, a organización ten que rexistrar as mochilas e non estará permitido o acceso á illa con envases de vidro ou latas. Tampouco estarán permitidos garfos, coitelos e navallas de metal –si é posible acceder con servizos de plástico –. Polos mesmos motivos, debemos retirar os tapóns de botellas.
      Segundo a lexislación vixente, debemos efectuar un rexistro de mochilas antes de entrar na illa. Para axilizar o acceso, solicitamos aos asistentes que teñan as súas mochilas accesibles e abertas. Grazas pola vosa colaboración!
      Ademais, tal e como se fai noutras illas protexidas –Ons ou Cíes– solicitamos a colaboración do público que visite San Simón con comida e recipientes de plástico, recollendo, e seguindo as pautas de xestión de residuos que nos esixe o século vinte e un.
    • Podo fumar en Sinsal SON Estrella Galicia? Ou comprar tabaco?

      Pódese fumar en Sinsal SON Estrella Galicia, pero só nas zonas sinaladas e facendo uso dos cinceiros portátiles. Non se vende tabaco na illa. 
    • Debo levar cartos en efectivo a Sinsal SON Estrella Galicia?

      Non é necesario, utilizamos un sistema cashless para o consumo na illa, que ti mesmo podes recargar desde o teu móbil ou con tarxeta ou efectivo nas oficinas do festival. E se che sobrou diñeiro, terás un periodo posterior a festival para solicitar a devolución.
    • Podo ir a Sinsal SON Estrella Galicia cos meus fillos? Nenas e nenos teñen que pagar?

      Toda persoa que accede ao festival ocupa praza no barco e suma aforo na illa, polo que debe contar coa súa correspondente entrada. Si, tamén os bebés de 0 a 3 anos. A organización reserva un cupo de entradas cada día a prezo reducido para menores até 16 anos (incluídos). Tanto o xoves 25 como o domingo 28 haberá actividades específicas destinadas a público infantil. IMPORTANTE: O terreo é irregular na illa e hai diferentes escaleiras e desniveis, tede conta das caídas.
    • Podo facer fotos ou gravar vídeos en Sinsal SON Estrella Galicia?

      Só está permitido tomar fotografías se son realizadas sen afán de lucro e sempre protexendo a intimidade e a privacidade do resto dos asistentes ao evento.
    • Podo bañarme na illa ou chegar no meu barco?

      Por motivos de seguridade básicos, non permitimos o baño na illa xa que se trata dunha zona de rochas con mareas cambiantes. Por este motivo, tampouco permitimos o acceso en embarcacións que non sexan as oficiais. 
    • Que debería levar a Sinsal SON Estrella Galicia?

      Ao Sinsal SON Estrella Galicia é importante levar roupa cómoda e que permita estar fresco durante as horas de calor e máis abrigado a última hora, cando cae o sol. Moitos dos asistentes traen toallas ou esterillas para poder sentar e tumbarse no chan con máis comodidade. Tamén é importante protexerse do sol con gafas, sombreiros ou crema protectora.
    • Hai punto de obxectos perdidos? Como podo recuperar un obxecto perdido despois do festival?

      Hai un punto de obxectos perdidos nas oficinas de administración. Podes escribirnos un e-mail a info@sinsalaudio.org co asunto: OBXECTO PERDIDO
    • É posible o acceso ao recinto para persoas con mobilidade reducida ou para persoas con algún tipo de necesidade específica e os seus acompañantes?

      Claro que é posible. Desde a viaxe en barco até a mobilidade polo festival, a organización atenderá puntualmente os casos. É moi importante poñerse en contacto con nós no e-mail festival@sinsalaudio.org co asunto “PÚBLICO MOBILIDADE REDUCIDA”.
      Sinsal SON Estrella Galicia é un evento con aforo limitado e os concertos poden ser desfrutados con comodidade. Hai baños específicos para público con mobilidade reducida e pódese acceder a todos os puntos da illa por camiños ou rampas. Algúns camiños son irregulares pero desde a organización facilitaremos os desprazamentos con persoal exclusivo. 
    • Que teño que facer se quero presentar unha queixa?

      Dirixirse ás nosas oficinas durante o festival e solicitar unha folla de reclamación.