Espazos Litoral

Sinsal Litoral SON Estrella Galicia artéllase en diferentes espazos das Rías Baixas, vinculados ao mar e que configuran un mapa do festival que une puntos emblemáticos cheos de simbolismo e historia, algún deles non moi coñecidos para visitantes e, tampouco, para locais. 

O Castelo de Soutomaior
Metade fortaleza medieval, metade pazo neogótico, o castelo é unha xoia das Rías Baixas, coa súa dobre muralla e situado ao fondo da ría para evitar as invasións que chegaban por mar. Conta cun xardín de excelencia internacional de camelias e o seu interior está musealizado. Nel habitaron o cabaleiro medieval e experto navegante Pedro Madruga, no século quince, ou a escritora María Vinyals, a finais do dezanove e principios do vinte. 

A Illa de San Simón (Redondela)
A Illa de San Simón (en realidade, un pequeno arquipélago formado por dúas illas, San Simón e San Antón), está localizado en Redondela (Rías Baixas) e é unha xoia patrimonial desde o punto de vista medioambiental e histórico, no corazón da Ría de Vigo. A illa foi inspiración na lírica medieval, lazareto no século dezanove e campo de concentración na guerra do 36.  Declarado Ben de Interese Cultural (BIC), a súa xestión depende da Xunta de Galicia 

Cesantes e o Centro de Interpretación de Meirande (Redondela)
O concello de Redondela é un territorio cómplice para Sinsal Litoral. Ademais de San Simón, o festival achégase ao marisqueo na parroquia de Cesantes, actividade realizada fundamentalmente por mulleres, e ao Centro de Interpretación de Meirande, un centro musealizado que amosa tesouros arqueolóxicos e culturais da Batalla de Rande, pero tamén o patrimonio industrial e histórico da zona, coa Ponte de Rande a tiro de pedra en plena enseada de San Simón. 

O Vigo portuario e industrial 
Se non se pode entender a cidade de Vigo e a súa contorna sen a industria, Sinsal Litoral achégase a ela na súa dimensión marítima como xa fixo nos últimos anos a través dos seus eventos no Museo do Mar de Galicia, en Alcabre. Desta volta, a lonxa e o porto, o casco vello ou os estaleiros son obxecto da atención do proxecto. Levar a música a espazos tan referenciais na cidade como son os estaleiros é unha das accións singulares de Sinsal Litoral. 

O Mosteiro de Oia
A orde cisterciense estableceu no Atlántico no século doce unha edificación que abraia pola súa personalidade, catalogada como Ben de Interese Cultural. O Mosteiro de Santa María de Oia elévase entre a rochosa costa camino de A Guarda, cunha singular beleza e integración neste pequeno concello. Cando raia o día ou no solpor en Oia, son momentos tan incribles como terapéuticos; a acústica dalgún dos espazos da abadía (Sinsalaudio xa programou en 2019 neste espazo dentro do ciclo “Monumenta”) préstase para actuacións ao vivo a medio camiño entre a música e a performance.