As datas do Festival Sinsal Son Estrella Galicia 2018: do 26 ao 29 de xullo

Volve o festival do cartel secreto na Illa de San Simón (Redondela). Sinsal Son Estrella Galicia celebrarase do 26 ao 29 de xullo de 2018; sen anunciar artistas, como é marca do evento e xa con catro días de duración -en vez dos 3 habituais- tras o ensaio do pasado ano de arrancar en xoves. A organización do festival traballa xa nun cartel no que a maioría dos artistas actuarán en Galicia por vez primeira, con propostas chegadas de puntos xeográficos distantes. En 2018 o Sinsal quere volver a crear ese espazo para os sons dos nosos días na illa, sempre botando man dalgúns nomes emerxentes e co traballo das artistas mulleres integrado con normalidade no cartel.

Na edición 2017 participaron os seguintes artistas: Fantastic Negrito, María Arnal i Marcel Bagés, Bitchin Bajas & Bonnie Prince Billy, Melange, Metá Metá, Pixvae, Cuarteto Caramuxo, Orchestra of Spheres, Filho da Mãe, The Barberettes, Systema Solar, Bombino, C. Duncan, Holly Macve, Anna Meredith, Janka Nabay & The Bubu Gang, cintadhesiva, Amorante, Linda Guilala, Neboa, Romperayo e Of Montreal.

Sinsal Son Estrella Galicia -novena edición xa na Illa de San Simón (Redondela)- é un modelo de festival de formato pequeno, diurno e co aforo marcado polo espazo no que se celebra, unha xoia patrimonial e paisaxística con declaración de ben de interese cultural. Un festival sostible, respectuoso e consciente da enorme fortuna que supón poder convocar música, paisaxe, historia e público nun territorio único como é a Illa de San Simón.

O equipo de Sinsal Son Estrella Galicia agradece o apoio a patrocinadores institucionais e privados que contribúen á realización do festival como a Xunta de Galicia a través de Agadic, Concello de Redondela, Son Estrella Galicia ou Gadis, entre outros.