Que é a cámara acústica semianecoica? Trátase dun espazo deseñado e recuberto para absorber as ondas sonoras e electromagnéticas. Unha sala, na Escola de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, na que practicamente non hai eco nin reverberacións. Os músicos que até agora participaron nesta experiencia destacan o silencio, a percepción multiplicada e, polo tanto, o coidado e a adaptación que require a actuación en directo.

O venres 27 de maio retornan as sesións do Sinsal Son Estrella Galicia na cámara semianecoica. E o farán con dous grandes músicos que forman o grupo 2M. Entre a improvisación e o jazz, eles son Pablo Sax, saxofón alto e soprano e electrónica, e L.A.R Legido, batería e outros obxectos. Se queredes participar como público non tedes máis que escribirnos a info@sinsalaudio.org. Os pases son ás 11h e 12h. O aforo, moi limitado.

O proxecto nacía no último trimestre de 2014 coa colaboración entre o Festival Sinsal, o Museo MARCO de Vigo e o laboratorio de acústica organizado polo centro de investigación AtlanTIC na Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo.