Sinsal Son Estrella Galicia foi nomeado “mellor festival de pequeno formato 2015” na Segunda Edición dos Premios Fest celebrada o pasado 28 de outubro no Museo Guggenheim Bilbao, dentro do Congreso de Festivales do Bizkaia International Music Experience (BIME).

Desde Sinsalaudio felicitamos á organización pola celebración deste evento, que ten como principal obxectivo reflectir o papel dos festivais na industria musical e cultural da actualidade. E extendemos o noso agradecemento ao xurado e o público que apostou por nós e concedeunos este recoñecemento tan especial.

Tamén, queremos asociar este premio aos finalistas Villamanuela (Madrid) e FuzzVille(Benidorm), cos que compartimos afinidades, e hacia todos aqueles festivais –pequenos e grandes–, que traballan cada ano para sacar adiante unha nova edición. A todos, desexámoslle moita sorte en 2016.

Unha gran familia está detrás deste “micro festival” das Rías Baixas. Amigas e amigos, grandes profesionais e pequenas empresas de deseño, produción e loxística, que traballan –ou traballaron– en Sinsal.

Por suposto, os principais patrocinadores: Estrella Galicia, dos que levamos con ilusión o seu nome; e New Balance, marca de gran prestixio internacional, con distribución para toda a Península Ibérica desde Redondela.

Sinsal San Simón non sería posible sen a axuda e a colaboración das institucións públicas, que confían neste evento tan especial: a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e a Axencia Galega das Industrias Culturais, AGADICTurismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra; e o Concello de Redondela, poboación onde están localizadas as Illas de San Simón e San Antón e boa parte da fermosa Enseada de San Simón.

Especial ilusión fainos a relación coa Universidade de Vigo e a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, cos que realizamos diferentes actividades antes, durante e despois de San Simón.