• Sinsal San Simón 2022
    • Qué é Sinsal SON Estrella Galicia?

      Un barco. Auga. Unha illa. Un cartel secreto. Tres xornadas de música de calidade ao vivo, cada día con grupos e actividades diferentes. Un encontro único no corazón das Rías Baixas. 

    • Cando se celebra Sinsal?

      Sinsal SON Estrella Galicia 2022 desenvolverase nas datas habituais da cita, contra final do mes de xullo. Concretamente, ofrecerá tres xornadas de directos estimulantes que terán lugar os días 22, 23 e 24 de xullo: no caso do día 22, será en horario de tarde, mentres que o sábado e domingo será todo o día. 

    • Onde se celebra o Sinsal?

      A illa de San Simón, nas Rías Baixas, é o escenario principal e cabeza de cartel da cita. Unha viaxe en barco pola espectacular Ría de Vigo é o punto de partida dun singular evento no que conflúen natureza e música. A entrada inclúe o transporte marítimo, de ida e volta, entre os embarcadoiros situados no litoral e a illa.


    • Quen actúa en Sinsal?

      O cartel de Sinsal SON Estrella Galicia é un dos secretos mellor gardados do verán. Tanto é así, que o público descubre quen actúa no momento no que pon un pé na illa. Ata entón, a organización (Sinsalaudio) e as bandas que conforman o line up gardan silencio. Neste 2022, o 90% dos grupos participantes actuarán por vez primeira en Galicia. 

    • Todas as xornadas son diferentes ou repetides concertos?

      Este ano cada artista só ofrecerá un concerto, de xeito que cada día o programa será completamente diferente ao anterior e non se repetirá ningunha actuación. 
    • Quen organiza Sinsal?

      Sinsal SON Estrella Galicia é unha iniciativa organizada pola promotora musical e produtora de eventos culturais Sinsalaudio e que conta, como patrocinador principal, con SON Estrella Galicia.


    • Quen colabora con Sinsal?

      O festival conta co apoio da Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e o programa Xacobeo 21-22, Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a través do INAEM e AC/E Acción Cultural Española e a Embaixada da República de Corea (Centro Cultural Coreano). Nesta edición, tamén colaboran Mekkdes, Gadis, Cosferla Industrial, Platu Galician Artesanal Gin, Chef Maestro, Manzanas Marlene e Cafés Do Noso.


  • Abonos e entradas
    • Como se pode asistir a Sinsal?

      Para poder asistir a Sinsal SON Estrella Galicia 2022 é un requisito imprescincible ter entrada mercada na plataforma oficial Enterticket. As persoas menores de 16 anos (ou desa idade no momento de celebración do festival) deberán levar, ademais, a súa autorización (que se poderá descargar desde a plataforma de venda ou desde esta mesma páxina web) asinada por unha adulta responsable

    • Podo ir a Sinsal SON Estrella Galicia coas miñas fillas e fillos? Teñen que pagar?

      Toda persoa que accede ao festival ocupa praza no barco e suma coma asistente na illa, polo que debe contar coa súa correspondente entrada. Si: tamén os bebés de 0 a 3 anos. A organización reserva un cupo de entradas cada día a prezo reducido para menores ata 16 anos (incluídos). IMPORTANTE: O terreo é irregular na illa e hai diferentes escaleiras e desniveis, tede conta as caídas.
    • Que tipo de entradas existen? Haberá abonos?

      No Sinsal 2022 haberá dous formatos de entradas, en función das xornadas para as que serán válidas. Poderás asistir cun abono de tres días (venres, sábado e domingo, pois este ano a programación é diferente cada xornada) ou entrada de día.

    • Que prezo teñen os abonos e as entradas de día? Hai descontos para menores?

      Tanto os abonos como as entradas de día terán prezos diferenciados entre o público adulto e menor de 16 anos -inclusive-, e en función do peirao ou embarcadoiro de saída (Vigo ou Meirande), xa que o público que asista desde Vigo terá unha viaxe pola ría máis longa e asistirá, ademais, a un concerto extra na illa.


    • As entradas inclúen o transporte marítimo até a illa?

      Si. Ademais do acceso aos concertos da illa de San Simón, cada entrada inclúe o transporte en barco até a mesma desde o litoral. A viaxe (de ida e volta) poderase facer desde dous puntos diferenciados da ría, Vigo e Meirande, que se seleccionan á hora de mercar a entrada.


    • Porque hai diferenza de prezo nas entradas e viaxe en barco en función do embarcadoiro de saída?

      As persoas que saian desde Vigo gozarán dun concerto extra ao desembarcar, cada día, en San Simón, ademais de gozar dun maior tempo de viaxe pola ría e de estancia na propia illa.


    • Como podo mercar entradas para menores de 16 anos?

      Á hora de realizar a compra das entradas, atoparás a opción de seleccionar ticket para menores de 16 anos (tamén válida para as persoas desa idade no momento de celebración do festival). Desde este mesma páxina poderás descargar a autorización, que se deberá entregar no acceso ao barco.
    • Haberá descontos con Carné Xove?

      Este ano Sinsal SON Estrella Galicia incorpora a posibilidade, grazas á colaboración que a Asociación de Festivais de Galicia mantén coa Xunta de Galicia, de que as persoas usuarias do Carné Xove poidan optar a un desconto do 15% sobre o prezo inicial á hora de adquirir os abonos ou entradas. O cupo de compras será limitado ao primeiro cento das mesmas.
    • Onde podo consultar as condicións xerais de venda?

      As condicións xerais de venda de entradas de Sinsal SON Estrella Galicia están dispoñibles nesta mesma páxina web.
    • Cando estarán dispoñibles os abonos e as entradas de día?

      Os abonos, válidos para as tres xornadas de festival, estarán dispoñibles para o público desde o 26 de maio, a partir das 11.00 horas, na plataforma Enterticket; mentres que as entradas por día sairán á venda na mañá do luns 30, tamén ás 11.00 horas, nese mesmo espazo web. 

    • Cal é o prezo dos abonos?

      Desde o 26 de maio e até o 4 de xullo (ou ata que se esgoten) o público poderá adquirir en Enterticket os seus abonos para os tres días de festival (que inclúen transporte marítimo) a un prezo reducido. Se viaxas desde o embarcadoiro de Vigo, o prezo do abono para persoas adultas é de 119 euros (máis gastos de xestión), 45 euros no caso das e dos menores;  mentres que se vas desde Meirande, o prezo para adultas é de 105 euros (máis gastos de xestión), 40 euros no caso das e dos menores. 


    • Cantos abonos podo mercar dunha vez?

      Poderás mercar, en cada proceso de compra, até un máximo de 6 abonos 


    • Cal é o prezo as entradas?

      As entradas de adultos terán prezos diferenciados en función do día e do embarcadoiro de partida (Vigo ou Meirande). Se asistes o venres 22 desde Vigo, o prezo será de 40 euros, mentres que desde Meirande serán 35. No caso de menores, serán 12 euros (tanto desde un porto coma o outro).
      Mais se asistes o sábado 23 ou domingo 24 desde Vigo, o prezo será de 50 euros (máis gastos de xestión) cada día, mentres que desde Meirande será 45 euros (máis gastos de xestión). No caso de menores, serán 15 euros (tanto desde un porto coma o outro). 

    • Cantas entradas podo mercar dunha vez?

      Poderás mercar, en cada proceso de compra, até un máximo de 6 entradas.


  • Compra de entradas
    • Como e onde podo mercar as miñas entradas?

      Enterticket é a única plataforma de venda autorizada. No momento no que activemos a venda de entradas en Enterticket poderás mercalas. Ten presente que, cando accedas á páxina, é posible que haxa máis xente coma ti tentando adquirir as súas entradas, polo que che pedimos un chisco de paciencia :)
    • Teño que rexistrarme en Enterticket para mercar mis entradas?

      Non é necesario, mais recomendamos que fagas o rexistro previamente para que poidas mercar con maior axilidade.
    • Como se organiza o proceso de compra?

      O acceso ao proceso de compra na plataforma de venta www.enterticket.es organízase en función da orde de chegada á mesma. Se hai moita xente mercando á vez, convidámoste a que intentes iniciar o proceso nuns minutos refrescando a páxina.  As entradas que queden sen mercar dos procesos de compra non finalizados quedarán, novamente, liberadas.
    • Canto pode tardar o acceso ao proceso de compra?

      Dependerá do número de solicitudes que cheguen a Enterticket. Sabemos que hai moitas ganas de Sinsal e é posible que, na primeira mañá de venda teñas que agardar uns minutos para facerte co teu abono. Mais non desesperes! Agradecemos a túa paciencia :) 

    • Canto tempo teño para formalizar a miña compra?

      Desde que Enterticket che dea acceso, terás 10 minutos para confirmar a túa compra. Pasado ese tempo, se non confirmaches a túa selección, eses abonos ou entradas quedarán liberadas para as usuarias que estean na cola virtual. 

    • Por que hai entradas que primeiro aparecen como esgotadas e logo si que se poden mercar?

      Ao igual ca ti, é posible que haxa outras persoas mercando á vez os seus abonos ou entradas. Se entraron antes e seleccionaron eses abonos ou entradas, é posible que non che aparezan; mais no momento no que remate o seu tempo de compra (10 minutos), se non adquiriron os billetes, quedarán liberados.
    • Merquei unha entrada pero non recibin o correo electrónico de confirmación. Que debo facer?

      Ante calquera incidencia, por favor, escribe a festival@sinsalaudio.org. Contestaremos o antes posible para dar unha solución :) 

    • Podo cambiar o nome da persoa que asistirá?

      Si. O nome ( e datos) das persoas usuarias das entradas, é dicir, as asistentes ao festival, pódese mudar na plataforma de venda oficial, Enterticket, no seguinte enlace: https://venta.enterticket.es/cambios


  • Os embarcadoiros
    • Cales son os portos de saída nesta edición?

      O único modo de chegar ao festival é nos barcos fletados pola propia organización. O prezo xa está incluido na entrada ao festival. Contamos con dous puntos de embarque: a Estación Marítima de Vigo e o Centro de Interpretación de Rande (Meirande, Redondela). Escolle a mellor opción en función do teu lugar de orixe e dos teus medios de transporte. IMPORTANTE: para os teus desprazamentos en coche até os portos, ten en conta que no verán se producen atoamentos con frecuencia pola afluencia ás praias da zona.


    • Onde está o porto de saída de Vigo?

      A Estación Marítima de Vigo (Rúa Cánovas del Castillo, 3) atópase no centro da cidade. Non ten perda, de alí parten os barcos de transporte da ría.


    • Onde está o porto de saída de Meirande?

      O embarcadoiro de Meirande, situado no Centro de Intepretación de Rande (Redondela), está localizado no Estreito de Rande, antiga Fábrica do Alemán, a 10 quilómetros de Vigo. Este porto de saída está especialmente recomendado para todas aquelas persoas que vos despracedes en coche ao festival desde o norte de Vigo e Redondela, pois conta cunha ampla chaira (antiga compañía Duchess) para estacionar os vehículos. Podes seguir estas indicacións para chegar:

      • Pola AP9 desde Pontevedra:
        1) Cruzar a Ponte de Rande.
        2) Tomar a saída 151 da AP9 (Teis-Chapela) dirección N-552.
        3) Tomar a N-552 dirección Redondela.
        4) Pasar a rotonda de Rande dirección Redondela pola N-552.
        5) Desviarse á esquerda desde a N-552 cara o aparcadoiro (desvío sinalizado pola organización do festival).

      • Desde Vigo:
        1) Tomar a N-552 dirección Chapela-Redondela. 
        2) Pasar a rotonda de Rande dirección Redondela pola N-552. 
        3) Desviarse á esquerda desde a N-552 cara o aparcadoiro da chaira de Duchess (desvío sinalizado pola organización do festival).

      • Desde Redondela:
        1) Pasar Redondela e tomar a N-552 dirección Chapela-Vigo. 
        2) 500 metros antes da rotonda de Rande (Ponte de Rande), desviarse á dereita desde a N-552 cara o aparcadoiro (desvío sinalizado pola organización do festival).

    • Hai aparcadoiros nos arredores de Meirande?

      Si, a 200 metros do embarcadoiro, na superficie da chaira da antiga compañía Duchess. O percorrido desde o desvío na N-552 cara ao aparcadoiro estará sinalizado pola organización.
    • Como podo ir aos portos sen coche?

      Habilitamos dous portos de embarque, Vigo e Meirande (Redondela), para reducir o uso particular dos automóbiles xa que boa parte do público vai partir de Vigo, cidade á que podes chegar a través do transporte público; mais non hai ningún transporte da organización do festival a Meirande.


  • A viaxe en barco
    • Canto dura a viaxe en barco?

      Desde Vigo algo máis de 50 minutos e desde Meirande (Redondela) ao redor de 25 minutos. IMPORTANTE: estuda os horarios e escolle o porto que mellor se adapte ás túas necesidades, especialmente se vés con menores. A viaxe desde Meirande dura menos que dende Vigo! Ademais, na ida, sairedes máis tarde que desde Vigo e, á volta, sairedes antes desde a illa cara ao porto. 

    • Cal é o horario de ida e volta dos barcos de Vigo?

      O venres 22 o festival será en horario de tarde, de xeito que o barco sairá do porto de Vigo ás 14.45 horas e partirá de San Simón ás 22.30 horas.

      No caso do sábado 23 e domingo 24, o transporte sairá ás 11.45 horas e iniciará o regreso desde San Simón ás 22.30 horas. Os horarios son aproximados e poden sufrir modificacións, polo que vos pedimos que sigades sempre as indicacións sinaladas na web, redes sociais ou vía correo electrónico. 


    • Cal é o horario de ida e volta dos barcos de Meirande?

      O venres 22 o festival será en horario de tarde, de xeito que o barco sairá do peirao de Meirande ás 16.15 horas e partirá de San Simón ás 21.45 horas.  No caso do sábado 23 e domingo 24, o transporte sairá ás 11:45 horas e iniciará o regreso ás 22.30 horas.

      Os horarios son aproximados e poden sufrir modificacións, polo que vos pedimos que sigades sempre as indicacións sinaladas na web, redes sociais ou vía correo electrónico. 

    • Que pasa se perdo o barco que me leva á illa?

      A organización non se responsabiliza da perda do barco por parte do público. Lembra chegar con 30 minutos de antelación para garantir a túa viaxe!


    • Podo regresar antes do meu horario?

      Non, a viaxe en barco a San Simón ten un horario de entrada e saída que debe ser cumprido para evitar problemas de capacidade no barco de pasaxeiros.


    • Podo abandonar a illa en caso de urxencia?

      O festival conta, só para casos de urxencia xustificada, cun barco á disposición do público. Calquera necesidade ao respecto será analizada pola organización. 
  • Na illa
    • Que debería levar a Sinsal SON Estrella Galicia?

      Ao Sinsal SON Estrella Galicia é importante levar roupa cómoda e que permita estar fresca durante as horas de calor e máis abrigada a última hora, cando cae o sol. Moitas das asistentes traen toallas ou esterillas para poder sentar e tumbarse no chan con máis comodidade. Tamén é importante protexerse do sol con gafas, sombreiros ou crema protectora.
    • O festival é accesible?

      Desde Sinsal estamos a traballar para facer do noso festival un evento inclusivo e accesible. Se precisas dalgún servicio específico e tes dúbidas en canto á accesibilidade, por favor, escribe a festival@sinsalaudio.org co asunto "ACCESIBILIDADE" e porémonos en contacto contigo.

    • É posible o acceso ao recinto para persoas con mobilidade reducida?

      Si. Pódese acceder a tanto ao barco como a todos os puntos da illa por camiños ou rampas. Algúns camiños son irregulares pero facilitaremos os desprazamentos con persoal da organización. Sinsal SON Estrella Galicia conta tamén con baños específicos para público con mobilidade reducida.
      Escríbenos, por favor, a festival@sinsalaudio.org co asunto "ACCESIBILIDADE" e porémonos en contacto contigo.  


    • Podo levar animais de compañía?

      No festival non está permitido o acceso de animais de compañía agás no caso dos cans guía. De ser o teu caso, por favor, escríbenos con antelación a festival@sinsalaudio.org co asunto "ACCESIBILIDADE" e porémonos en contacto contigo. 
    • Podo bañarme na illa ou chegar no meu barco?

      Por motivos de seguridade básicos, non permitimos o baño na illa xa que se trata dunha zona de rochas con mareas cambiantes. Por este motivo, tampouco permitimos o acceso en embarcacións que non sexan as oficiais.
    • Podo facer fotos ou gravar vídeos en Sinsal SON Estrella Galicia?

      Só está permitido tomar fotografías se son realizadas sen afán de lucro e sempre protexendo a intimidade e a privacidade do resto dos asistentes ao evento. No caso de que queiras asistir para cubrir o evento como medio de comunicación, lembra que debes solicitar previamente a túa acreditación en prensa@sinsalaudio.org.
    • Hai punto de obxectos perdidos? Como podo recuperar un obxecto despois do festival?

      Si. Hai un punto de obxectos perdidos nas oficinas de administración. Mais tamén podes escribirnos un e-mail a info@sinsalaudio.org co asunto: OBXECTO PERDIDO


    • Que teño que facer se quero presentar unha queixa?

      Podes visitar as nosas oficinas durante o festival e solicitar unha folla de reclamación. Tamén podes enviar un correo eléctronico a festival@sinsalaudio.org co asunto: RECLAMACIÓN
  • Sostibilidade
    • Haberá postos de comida ou bebida na illa?

      Si. Tal e como é habitual no Sinsal, contaremos con cinco espazos gastronómicos de proximidade. cunha ampla oferta que inclúe tamén propostas vexetarianas ou veganas.
    • Podo levar a miña propia comida e bebida?

      Si, mais sempre debes deixar o espazo igual de limpo e recollido que como o atopaches. Neste sentido, convidámoste a levar de volta os teus residuos. E lembra que en Sinsal SON Estrella Galicia unicamente está permitido levar comida e bebidas sen alcol.



    • Podo beber auga da billa?

      Si, a auga da billa que atoparás nas fontes, aseos e cafetería é potable. Estará debidamente indicado por se precisas encher o teu vaso reutilizable.



    • Haberá vasos ou pratos reutilizables de Sinsal?

      Si. Coma todos os anos, para o consumo de bebidas e comida en San Simón poderás usar un vaso ou plato reutilizable, previa entrega dun depósito. No momento no que devolvas o vaso ou o prato, no lugar e horario indicado, terás o teu depósito de volta. 
    • Por que en Sinsal non hai papeleiras azuis (para papel) ou amarelas (para envases)?

      O festival non pon a disposición do público nin papel nin envases que sexan desbotables e por iso non atoparás estas papeleiras en San Simón.  Mais se ti traes da casa papel ou envases que necesites desbotar, diríxete por favor aos postos da organización na illa. Alí farémonos cargo, axeitadamente, destes residuos.
    • Que fago cos residuos da comida?

      Os envases de cartón (pratos, servilletas...) debes tiralos ao contedor gris de "fracción resto" que atoparás pola illa. Se che sobrou algo de comida (que non debería :D), podes desbotala nun contedor específico de residuos orgánicos situado na zona de restauración. Estes residuos irán a un composteiro que temos habilitado na propia illa.
    • Como podo contribuír a diminuir a pegada de carbono do festival?

      Sinsal conta cunha política de sustentabilidade que implantamos hai cinco anos coa intención de contribuír ao benestar do noso planeta e, por tanto, das persoas que o habitamos. Se queres contribuír a diminuir a pegada de carbono do festival, aquí tes algunhas recomendacións: 
      • Usa transporte público ou comparte vehículo ata o embarcadoiro.
      • Evita levar a San Simón cousas que non penses levar de volta (por exemplo: evita o film ou o papel de aluminio e usa un tupper, ou emprega bolsas reutilizables e vez de bolsas plásticas dun só uso)
      • Pensa ben o apetito que tes antes de pedir a comida
      • Pecha a billa da auga ao lavar as mans
      • Utiliza sempre as papeleiras e cinceiros dispoñibles na illa.

    • Podo fumar en Sinsal SON Estrella Galicia? E comprar tabaco?

      Pódese fumar unicamente nas zonas sinaladas, nas que vos pregamos que fagades uso dos cinceiros dispoñibles neses espazos. Non se vende tabaco na illa.