• Xoves 25 de xullo
  • Venres 26 de xullo
    • Mercedes Peón

      Mercedes Peón

      Escenario San Simón SON Estrella Galicia | 16:55
      “Déixaas” é o nome do último disco de Mercedes Peón -para a revista británica Songlines dos mellores en Europa en 2018 dunha artista “emotivamente contemporánea”, din-, que afronta a súa maneira de entender a música como unha labor de exploración e  movemento contínuos. Desde a procura e investigación do son tradicional, tarefas que a levaron a ser recoñecida por unha grande audiencia hai máis de dúas décadas, os roteiros de Mercedes Peón resultan sempre inspiradores. Música autodidacta, compositora, multiinstrumentista, vocalista e produtora da súa propia obra, conta cun extenso recoñecemento internacional. Premio Nacional de Música no 2008 e Premio da Crítica Galicia en Música 2018, a Peón gústalle irmandar as súas creacións sonoras co cinema ou coa danza.  En “Déixaas” conta coa colaboración de Mónica de Nut e Ana Fernández.
    • El Petit de Cal Eril

      El Petit de Cal Eril

      Escenario Buxos Fest Galicia | 17:50
      El Petit de Cal Eril, proxecto tras o que atopamos a Joan Pons, desprega un estilo entre a canción popular e o folk-rockacústico con toques de psicodelia. Un estilo moi, moi persoal, que se volve a gozar no disco “Triangular” ou triloxía que presentou a finais de 2017 e no que confluíu a banda formada por Artur Tort (teclados), Dani Comas (baixo), Ildefons Alonso (batería), Jordi Matas (batería) e o propio Joan Pons, voz e guitarra. Os mesmos músicos que defenden agora “Energia Fosca”, lanzado en maio de 2019 e que poñen a rodar en diferentes festivais, como o Vida de Vilanova i la Geltrú ou Sinsal SON Estrella Galicia. O músico e compositor de Lleida é un nome de referencia na música catalana actual; os seus discos, delicados, o seu directo, emotivo.
    • Lina & Raül Refree

      Lina & Raül Refree

      Escenario San Antón New Balance | 18:55
      Raül Refree é un nome clave na “industria musical” española. Músico e produtor do disco “Los Ángeles” que lanzou a Rosalía ao mainstream planetario, xa traballara antes con Silvia Pérez Cruz, Kiko Veneno ou El Niño de Elche. En Lisboa coñece a Lina, que canta no Clube de Fado e axiña entran no estudio de gravación. Rodeado de sintetizadores vintage, Refree enmarca a voz da cantante, grande estudosa de Amália Rodrigues da que seleccionou un repertorio de clásicos, e prescinde dos instrumentos tradicionais do fado. O resultado, estrea no verán de 2019 en festivais seleccionados como Sinsal SON Estrella Galicia.
    • Blanco Palamera

      Blanco Palamera

      Escenario Buxos Fest Galicia | 20:00
      Manu Blanco e Xoán “Palamera” Domínguez, dous rapaces que medraron en Santiago de Compostela, onde se coñeceron cando o daban todo por White Stripes, atoparon en Madrid o escenario para crear “Promesas”, o seu primeiro disco. Electrónica, trip hop, arrecendo a jazz e soul, e segundo a publicación El Quinto Beatle “pese a todo, achéganse incluso máis ao R&B contemporáneo de nomes como Daniel Caesar, Jorja Smith, Kyle Dion, Kali Uchis, IAMDDB ou SZA”. Levamos a “praia urbana” de Blanco Palamera a San Simón, convencidos de que este proxecto de “novísimos” é un dos máis estimulantes e orixinais na música do país
    • Kyekyeku & Ghanalogue Highlife

      Kyekyeku & Ghanalogue Highlife

      Escenario San Simón SON Estrella Galicia | 21:05
      Kyekyeku & Ghanalogue Highlife (pronunciado che-che-kú), un grupo que moderniza os ritmos vintage de Ghana cun líder virtuoso á guitarra. Participaron no Festival Vis a Vis que cada ano organiza Casa África levando a promotores españois a diferentes lugares de África para que coñezan os talentos musicais desta área. Os artistas gañadores participan nalgúns dos festivais españois máis coñecidos, como Sinsal SON Estrella Galicia.
  • Sábado 27 de xullo
  • Domingo 28 de xullo
O cartel do Festival Sinsal SON Estrela Galicia é secreto. Desde a primeira edición en 2003, o principal compromiso de Sinsal foi programar artistas que inician a súa carreira musical ou demostrasen unha gran conexión coa creación contemporánea. O groso da programación componse de artistas que viran por outros festivais prestixiosos en España e Portugal: desde o Jazz á World Music, do Rock á Música Electrónica, Sinsal SON Estrela Galicia é un festival sen complexos. Por esa razón propón ao público un cartel secreto, unha experiencia musical máis aló de nomes concretos.
Ir arriba