Información

Sinsal SON Estrella Galicia é, ante todo, un festival de música. Máis de vinte bandas e artistas durante catro días nos escenarios principais, con procedencias xeográficas e sonoras que percorren boa parte do planeta e que compoñen o cartel secreto do festival. Sinsal SON Estrella Galicia non é un festival indie, nin de músicas do mundo, nin de jazz. A fórmula artística do festival soa lóxica: ofrecer concertos para todos os gustos.
  • A música

    Un cartel diverso en estilos, con protagonismo de proxectos liderados por mulleres, bandas emerxentes e nomes que non tocaron aínda en directo na península. Sinsal SON Estrella Galicia ofrece aos artistas unha nova vivencia ao redor do directo: non revelalo até o día do concerto, chegar ao recinto en barco, aloxarse e comer na illa, o contacto directo co público. Unha produción musical que pode converter a illa nun estudio de gravacións en vellos cilindros de cera, no destino dun piano de cola que cruza a ensenada de San Simón ou nun miradoiro onde atopármonos, en acústico. Nos últimos anos pasaron pola illa Alt-J, Maika Makovski, Dan Deacon, Owen Pallet, Camila Moreno, Nakhane, Anna Meredith, Of Montreal, Malándromeda, El Guincho, Fantastic Negrito, María Arnal & Marcel Bagés, Bonnie Prince Billy, La Dame Blanche ou Cosmo Sheldrake, entre outros artistas.
  • O cartel

    O cartel do Festival Sinsal SON Estrela Galicia é secreto. O público non sabe que grupos vai ver ata que desembarca na Illa de San Simón (Redondela). Desde a primeira edición en 2003, o principal compromiso de Sinsal foi programar artistas que inician a súa carreira musical ou demostrasen unha gran conexión coa creación contemporánea. Algúns destes nomes, poucos anos despois, aterraron nos grandes festivais e salas de concertos de todo o mundo. A traxectoria da promotora Sinsalaudio, a singularidade do evento e o espazo natural no que se desenvolve son un selo de calidade.
    O groso da programación componse de artistas que viran por outros festivais prestixiosos en España e Portugal: desde o Jazz á World Music, do Rock á Música Electrónica, Sinsal SON Estrela Galicia é un festival sen complexos. Por esa razón propón ao público un cartel secreto, unha experiencia musical máis aló de nomes concretos.
  • Servizos

    No Festival Sinsal SON Estrella Galicia atoparedes unha ampla e deliciosa oferta gastronómica. Hai comida vexetariana e a oferta inclúe tamén opcións veganas e alternativas para persoas celíacas. Na semana previa ao festival publicaremos todos os menús e os diferentes prezos en 2019.
    Tal e como se fai noutras illas protexidas –Ons ou Cíes– solicitamos a colaboración do público que visite San Simón con comida e recipientes de plástico, recollendo e depositando os desperdicios correspondentes nos contedores dos portos. Está permitido levar comida e bebida sen alcol.
    Na illa atoparás bares nos que poder tomarte unha cervexa Estrella Galicia, refrescos sen alcol, delicioso café e algúns combinados.
    A oficina do festival conta cun servizo de obxectos perdidos.
    Se tes mobilidade reducida, non deixes de vir ao festival. Cóntanos a túa circunstancia no mail festival@sinsalaudio.org. Tanto nos barcos como na illa estaremos preparados para recibirte.
  • Actividades

    Ademais do programa de concertos que se desenvolve durante os días 25 ao 28 de xullo de 2019, o Festival Sinsal SON Estrella Galicia propon outras actividades ao público aproveitando a experiencia diurna nun espazo único.
    En anteriores edicións as propostas paralelas do festival incluíron charlas e encontros, mostras de proxectos tecnolóxicos, obradoiros de videoclip e DJ, paseos en kaiak, xogos populares para os máis pequenos, teatro, etc, así como algunas actividades que viñeron da man dos nosos patrocinadores.
    Estamos traballando nunha proposta de actividades que redondee a vosa experiencia no festival e da que vos iremos informaremos a medida que se acheguen as datas do festival en 2019.
  • Aloxamento e transportes

    Durmides en Vigo con motivo do Festival Sinsal SON Estrella Galicia? Estas son as recomendacións do festival, tres hoteis con moi boa relación calidade, prezo e localización:

    HOTEL BAHÍA (Cánovas del Castillo, 24). 4 estrelas pegado á Estación Marítima de Vigo, cun 10% de desconto por ser asistentes. Tedes que reservar no + 34 986 226 700 ou no mail reservas@hotelbahiadevigo.es e indicar a vosa asistencia ao festival.
    www.hotelbahiadevigo.com

    HOTEL AMÉRICA (Pablo Morillo, 8).  Desde 84 euros nun 4 estrelas con moito encanto. Reservas no teléfono + 34 986 438 922 
    www.hotelamerica-vigo.com

    HOTEL JUNQUERA (Uruguai, 19). Centriquísimo 3 estrelas. Individual con almorzo incluído, 55 euros; dobre, 70. Teléfono: +34 986 434 888
    www.hoteljunquera.com

    En breve, información sobre taxis (Vigo/Redondela) e mobilidade compartida.