Información

No ano 2003 a promotora viguesa Sinsalaudio (responsable de Sinsal San Simón e do comisariado de Posidonia SON Estrella Galicia) impulsaba na súa cidade unha singular cita musical vinculada á creación contemporánea. Dirixida ao público local, galego e do norte de Portugal, o evento nacía con vocación de continuidade: era o Festival Sinsal Catro Estacións. O seu propio nome daba conta das múltiples posibilidades estacionais que se abrían e ás que podería dar paso nas seguintes edicións do mesmo. E así foi. 

Desde 2020 celébrase Sinsal Outono, un ciclo de concertos intrinsecamente vinculados á experimentación sonora, á vangarda e á creación contemporánea nas súas múltiples expresións. Ao cabo, Sinsalaudio traslada a esta serie de directos a esencia da propia promotora e do seu mascarón de proa, o Sinsal da illa de San Simón, á localidade na que este proxecto agromou, experimentou e medrou: Vigo.

  • Programación

    Dúas noites ateigadas de experimentación e propostas musicais contemporáneas con Dullmea, Otro, El Hijo e Luís Fernandes no MARCO de Vigo. 
  • Entradas

    As entradas de cada día teñen un prezo de 10 euros en venda anticipada (enterticket) e 12 euros no propio MARCO o día da celebración. As e os menores de 9 anos accederán gratuítamente.
  • O MARCO

    O Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) é un referente no universo da investigación, creación, innovación e produción contemporánea no ámbito local, comarcal e galego. 
  • Anteriores edicións

    O Sinsal Outono 2021 celebrouse entre os días 29 de outubro e 2 de novembro, con catro xornadas experienciais, nas que aos habituais concertos se incorporaron propostas con artes visuais e conferencias.