Nononon.Lab

Nononon.Lab é unha compañía que nace coa finalidade de crear un fronte de investigación dentro do obrador escénico vigués Nononon, creado por José Faro. 

Partindo deste lugar de encontro entre artistas escénicas, fórmase no 2020 un grupo composto por varias compañeiras de profesión dentro do eido técnico. Componse inicialmente por José Faro, Laura Iturralde, Xacobo Castro e Montse Piñeiro, para logo sumarse á equipa Lucía Estévez como nexo patente entre o mundo escénico e o audiovisual. Xuntos ou por separado traballaron en diversas montaxes teatrais, algunhas amplamente premiadas (Resaca, Premio María Casares nas categorías de Iluminación e Escenografía), ou a produción Fariña (Unodez e Xose A. Touriñán, 2019), con nominacións aos María Casares 2020 na Iluminación e na Escenografía á espera de resolución. Conforman un grupo heteroxéneo de profesionais, con espectros moi amplos de actuación, tocando disciplinas tan diversas como a escultura, a carpintería, a fotografía, a animación, o son...e, á súa vez, os seus intereses e motivacións conflúen no mundo do espectáculo e das artes vivas.