(Galego) E en 2017….Sinsal Son Estrella Galicia abre o xoves

Disculpa, pero esta entrada está disponible sólo en Gallego. For the sake of viewer convenience, the content is shown below in the alternative language. You may click the link to switch the active language.

 

Afronta Sinsal Son Estrella Galicia o primeiro ano de sold out absoluto os tres días (21, 22, 23 xullo) desde dous meses antes da súa celebración. Queda de manifesto o enorme interese do público polo festival, un interese que se multiplicou nos últimos anos grazas en parte aos premios e a presenza en medios e que incrementou considerablemente a chegada de público de fóra de Galicia. A organización decidiu en 2017 ampliar o seu programa ao xoves 20 de xullo; un programa reducido, con enfoque profesional pero tamén aberto ao público nunha cantidade limitada. O mércores 5 de xullo presentouse o festival en Vigo, na sede de Estrella Galicia na cidade, cos seus patrocinadores

A illa é a cabeza de cartel dun festival secreto como Sinsal Son Estrella Galicia e a música será a grande xoia, por moi agachada que estea un ano máis. En 2017 ningún grupo repite, así que todos os días renóvase a grella de programación. 4 bandas venres, 8 sábado e domingo respectivamente, en escenarios principais. Unha das novedades desta edición foi crear un abono “conxunto” que outorga ao posuidor “libre circulación” os días 21 e 22 de xullo entre o Sinsal e o Milhões de Festa de Barcelos, un festival galego e outro portugués. Algo que valorou especialmente o director de Agadic, Jacobo Sutil.

Colombia, Nova Zelanda ou Corea do Sur pero tamén a Europa do poder e os Estados Unidos. De diferentes lugares as propostas secretas do Sinsal Son Estrella Galicia que van do folk á electrónica, pasando pola revisión da tradición e a psicodelia. En 2016 pasaron polo festival El Guincho, Dan Deacon, Marc Jonson , Eska , Matías Aguayo ,Ryley Walker, Juana Molina, Ala.ni, Sons of Kemet, Joan Miquel Oliver, Malandrómeda / Bixiga 70 e Islam Chipsy, entre outros.

E, por suposto, un 90% do cartel Sinsal Son Estrella Galicia 2017 non pasou aínda por Galicia, tal como indicou Luis Campos, co-director do festival. Vinte concertos en 3 días dan ao equipo Sinsal a oportunidade de crear un menú coa súa marca: músicas chegadas de recunchos distantes do mundo, representativas do noso momento, algunhas emerxentes e co traballo das artistas mulleres integrado con normalidade no cartel. Como di Julio Gómez, un dos directores do festival “non somos un festival indie nin de músicas do mundo, nin de jazz..”. Pero na identidade do Sinsal Son Estrella Galicia está ofrecer todo iso e máis. E, sobre todo, aquilo que aínda non coñeces. Este foi un dos aspectos destacados por Victor Mantiñán, de Son Estrella Galicia, que definiu o Sinsal como un festival “único”. Ademais dos tres escenarios principais: Son Estrella Galicia, New Balance e Buxos, o miradoiro da illa pasa a denominarse en 2017 Miradoiro Platu, cun novo patrocinio desta marca de xenebra.

E empezamos….o xoves 20 de xullo

Si, con sorpresas. Sinsal Son Estrella Galicia non fica cómodo se non incorpora novedades en cada edición. E en 2017 zarpamos xa o xoves 20 de xullo para a Illa de San Simón. Será unha versión reducida e especial do festival, para 200 persoas máximo, no que contaremos con convidados profesionais de dentro e fóra de Galicia e coa inauguración do proxecto dun grupo de estudantes da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. Un proxecto mediante o cal cinco alumnas do mestrado deste centro intervirán os valados que separan o escenario do público. Teresa Búa, Miriam Cartagena, Claudia González, Yolanda Ríos Coello e Lara Santos Fariña son as artistas encargadas de transformar uns elementos de seguridade en pezas de arte con motivos de mar, natureza e música.

O proxecto foi exposto por Anabel González, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, que sinalou que a creación de mulleres existe, “só hai que visibilizala”. Nesa liña tamén transcorreu a intervención da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que se mostrou moi satisfeita porque o festival incorpore cada ano novidades e mostre o talento das mulleres.

Proximamente poñeranse ás entradas á venda para este previo do xoves 20 de xullo no Sinsal Son Estrella Galicia, con aforo moi limitado.

Xestión de resíduos
Para un festival como Sinsal Son Estrella Galicia, os pasos adiante, unha vez conseguidos o obxectivo da estabilidade e éxito de público, son fundamentais. Se sempre houbo unha preocupación especial por construír un evento sostible, en 2017 apostamos por incidir na mellora das condicións medioambientais. Reducir o uso do plástico (uso de vasos reutilizables, moeda biodegradable ou, xa en 2016, eliminando as botellas de auga de plástico das barras do festival) ou do papel nos materiais impresos (en 2017 substitúese a publicación que se ofrecía ao público) son obxectivos posibles nos que o festival está implicado. En Sinsal Son Estrella Galicia 2017 continuaremos nesa liña; con máis recollida selectiva de residuos e, sobre todo, unha campaña de concienciación ao público. Se ben, o aforo reducido do festival e a responsabilidade dos asistentes fai que a recollida e xestión do lixo na illa non sexa desproporcionada, aínda queda moito por facer no uso do plástico e na utilización do solo natural como cinceiro.

En 2017, ademais, para avanzar na sostibilidade do evento contamos co apoio da Deputación de Pontevedra, que en colaboración con Xunta de Galicia, Ecovidro e Ecoembes, que impulsan, nese campo, unha campaña de recollida de residuos baixo o lema “#RíasBaixasFests+ sostibles. Recolle, reutiliza, recicla”.

Mulleres Sinsal Son Estrella Galicia

Tamén a institución provincial pon en marcha en 2017 unha campaña de igualdade en relación aos festivais Rías Baixas, tanto no que atinxe ao público como aos equipos de traballo e o line-up dos eventos. En Sinsal Son Estrella Galicia, desde o seu nacemento, as mulleres non só ocupan un espazo destacado nos concertos organizados, senón que un balance exhaustivo daría maioría de artistas femininas no historial Sinsal. A Illa de San Simón volverá a ser escenario da creación de mulleres e, como sinalan os directores de Sinsal Son Estrella Galicia, “de maneira natural, non hai que ir buscar, están”. No caso do equipo de traballo do festival, máis da metade do mesmo está formado por mulleres. Sinsal Son Estrella Galicia colabora desde hai dúas edicións coa Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, que nos asesora no camiño á integración e igualdade das mulleres no sector musical.

Alianza con Milhões de Festa e con Estudos Mans

Un abono para dous festivais? Un situado en Galicia, outro en Portugal? En 2017 dous festivais, con algunha que outra afinidade, como son o Sinsal Son Estrella Galicia (21-23 xullo, Illa de San Simón, Redondela, Galicia) e o Milhões de Festa (20-23 xullo, Barcelos, Portugal) puxeron en marcha un bono conxunto. Un novo abono que permite combinar, a un e outro lado do Miño, dous dos festivais de música con máis prestixio na península. O abono Sinsal Son Estrela Galicia-Milhões de Festa permite asistir o venres 21 aos dous eventos e o sábado 22 á cita de Barcelos. Unhas cincuenta persoas apuntáronse ao reto.

Pero esta iniciativa, ademais de dirixirse ao público, posibilita que en Barcelos haxa un escenario Sinsal Son Estrella Galicia e viceversa. É dicir, supón unha plataforma para que grupos galegos e portugueses entren en contacto con novos públicos. Así na Illa de San Simón o palco Milhões de Festa contará coa actuación do músico portugués Filipe Miranda The Partisan Seed e de Filho da Mae e Barcelos terá un palco Sinsal ao que subirán B Flecha e Mweslee.

En 2017 participamos coa plataforma Sonidos Mans, unha iniciativa posta en marcha por Estudios Mans, os estudios musicais promovidos pola Fundación Paideia. A través de Sonidos Mans ducias de grupos puideron optar á gravación dunha maqueta e á participación nalgún dos Festivais Rías Baixas. No caso de Sinsal Son Estrella Galicia 2017, as votacións do público decidiron que os grupos que estarán na Illa serán Cinta Adhesiva e Néboa.

Patrocinios

Nesta nova edición, a sétima xa na illa de San Simón e a décimo quinta do Festival Sinsal, a organización conta co apoio renovado de Son Estrella Galicia e New Balance, marcas que un ano máis confían no evento promovido por Sinsalaudio e coas que o festival estableceu unha extraordinaria relación de complicidade. Ademais, o Festival Sinsal Son Estrella Galicia conta tamén co importante apoio da Xunta de Galicia, a través do Agadic, do concello de Redondela e da Deputación de Pontevedra.