Primeiro saíron á venda os abonos para 3 e 2 días; agora é a quenda das entradas de día para o Festival Sinsal Son Estrella Galicia, que se celebra do 22 ao 24 de xullo na Illa de San Simón. A partir do 18 de abril xa é posible adquirir as entradas diarias para o festival premiado como o mellor de España de formato pequeño. Só 800 persoas poden acceder á Illa de San Simón cada día; a viaxe en barco ao festival está incluída no prezo da entradas. Á venda xa en ticketea.

Unha das singularidades do festival que promove a empresa Sinsalaudio co patrocinio de Son Estrella Galicia e New Balance é que o cartel é secreto. Si, o público non coñece as bandas que vai ver até que chega a San Simón. En 2016 o venres 22 haberá 5 concertos e sábado 23 e domingo 24 8 cada día. Dous grupos do sábado repetirán o domingo. Ademais prográmanse actividades para público familiar durante o fin de semana.

Os prezos das entradas de día, que se poden adquirir en ticketea, son os seguintes: 30 euros para o venres 22, 35 a partir do 18 de xullo, e 45 euros para cada unha das xornadas de sábado e domingo, 50 a partir do 18 de xullo. O público até 16 anos ten un prezo especial nas súas entradas: 7 euros, 9 apartir do 18 de xullo. Iso si, o cupo destas entradas especiais é limitado. Así mesmo quen decida ir máis de un día ao Sinsal Son Estrella Galicia conta con abonos en ticketea: o de 3 días aínda se pode conseguir a un prezo especial de 90 euros e os de 2 días, a 65 euros. Os menores de 16 anos poden ir ao festival con bonos de 3 e 2 días a prezo especial: 20 e 14 euros respectivamente.

En 2016 o Festival Sinsal Son Estrella Galicia conta con dous puntos de embarque: a Estación Martítima de Vigo e o Museo de Meirande (Redondela). A organización oferta ademais o pack camping, en colaboración co camping de Cesantes con traslado directo á illa de San Simón en lancha. Ademais hai descontos acordados con Iberia, Renfe e catro hoteis de Vigo para o público do festival. Toda a información na web do festival: www. festival.sins.al e na plataforma ticketea.

O Festival Sinsal Son Estrella Galicia levou á illa en anteriores edicións a artistas como Alt-J, L´Enfance Rouge, Hoquets, Jacco Gardner, Mdou Moctar, Chelsea Wolfe, Baden Baden, Owen Pallett, Wire e All We Are, entre outros. Na súa filosofía, compoñer un cartel procedente de diferentes continentes con músicos que definen os sons de hoxe e que, non en poucas ocasións, encabezan a curto prazo os festivais máis prestixiosos de Europa, sendo San Simón un talismán para eles.

Ademais do patrocinio de Estrella Galicia e New Balance, o Festival Sinsal Son Estrella Galicia conta tamén co importante apoio da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Cultura, do concello de Redondela, Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas.